A Universidade da Coruña abre as portas dos seus centros de investigación e do SAI ao tecido produtivo a través de UDC Conecta

30/06/25 10:35

Desde a Oficina de Transferencia de Coñecemento (OTC) da Universidade da Coruña impulsamos un ciclo de visitas técnicas a centros de investigación e ao Servizo de Apoio á Investigación (SAI) no marco da iniciativa UDC Conecta, coa finalidade de dar a coñecer as capacidades científico-tecnolóxicas da UDC ao tecido empresarial e institucional da nosa contorna.

(Accede aquí ás fotografías das visitas aos centros de investigación e ao SAI)

Entre os días 10 e 20 de xuño, representantes de distintas empresas e entidades tiveron a oportunidade de visitar os catro centros de investigación da Universidade (CITIC, CITENI, CICA e CITEEC) así como as instalacións do SAI, nun itinerario deseñado para fomentar o encontro directo co persoal investigador e técnico, promover sinerxías e explorar oportunidades de colaboración.

En total, participaron 53 persoas, das cales 37 pertencen a empresas e 16 a outras entidades públicas e privadas, o que reflicte o interese crecente do entorno socioeconómico polas capacidades científicas da Universidade da Coruña.

Estas xornadas de portas abertas incluíron presentacións sobre as principais liñas de traballo de cada centro e visitas guiadas polas súas infraestruturas e laboratorios.

 

Centro de Investigación TIC (CITIC)

O ciclo de visitas comezou o 10 de xuño no CITIC, centro de referencia estatal en innovación dixital. As persoas asistentes puideron coñecer as súas liñas prioritarias de investigación, que inclúen intelixencia artificial, big data, ciberseguridade e eSaúde, así como percorrer os seus espazos tecnolóxicos e laboratorios especializados. A visita permitiu establecer un diálogo enriquecedor entre os grupos de investigación e as entidades participantes, fortalecendo os vínculos entre ciencia e sociedade.

 

Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI)

O 11 de xuño achegámonos ao CITENI, no campus de Ferrol, onde se puxo de manifesto a súa ampla capacidade de transferencia no eido da enxeñaría industrial e naval. A visita permitiu explorar instalacións como o canal de experiencias hidrodinámicas, o túnel de vento ou os laboratorios de procesado de materiais, fabricación aditiva, enerxía, tecnoloxía nuclear e simulación. O centro amosou un claro compromiso coa innovación colaborativa e co desenvolvemento de solucións tecnolóxicas para o sector industrial.

 

Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA)

O día 12 foi a quenda do CICA, onde o público asistente coñeceu de preto un ecosistema investigador centrado en retos cruciais como a saúde, o medio ambiente e os materiais avanzados. Durante a visita, presentáronse liñas de traballo en biomedicina, alimentación, contaminación, nanociencia ou biomateriais. A calidade das instalacións e a paixón do equipo investigador puxeron en valor o potencial deste centro para establecer alianzas estratéxicas con impacto real na sociedade.

 

Servizo de Apoio á Investigación (SAI)

O 19 de xuño realizouse a visita ao SAI, o servizo transversal que presta apoio técnico-científico á actividade investigadora da UDC. Os asistentes percorreron diversas unidades especializadas, como as de bioloxía molecular, espectroscopía, espectrometría de masas, análises de augas, microscopia ou ensaios estruturais. O SAI amosouse como un recurso clave tanto para o persoal investigador como para empresas e entidades que demandan análises avanzadas e soporte especializado para os seus proxectos.

 

Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC)

O ciclo pechouse o 20 de xuño co percorrido polo CITEEC, onde se puideron visitar instalacións únicas como a dársena de ondada, o túnel de vento, o laboratorio de hidráulica ou os espazos de estradas, xeotecnia e estruturas. O centro exemplifica a aposta da UDC pola investigación aplicada á construción e á enxeñaría civil, cunha infraestrutura científica ao servizo da innovación e do desenvolvemento sostible.

 

Este ciclo de visitas insírese dentro da estratexia de UDC Conecta, a plataforma da Universidade da Coruña para facilitar a conexión entre o seu ecosistema investigador e o tecido produtivo e institucional. Desde a OTC seguimos traballando para abrir as portas da universidade ao entorno, fomentar a colaboración e poñer en valor o coñecemento como motor de cambio.

Está prevista a organización dunha nova edición deste ciclo de visitas, que anunciaremos proximamente a través das nosas canles. Se tes interese en participar ou en contactar con algún dos centros de investigación ou co SAI, podes escribirnos a través do correo electrónico otc@udc.gal.

Galería de imaxes

Publicado por: Oficina de Transferencia de Coñecemento