A Coruña, 29 de setembro de 2021.- O emblemático proxecto da Cidade das TIC da Universidade da Coruña marca un novo fito coa proxección do edificio que representará á UDC no conxunto da futura cidade da tecnoloxía: o novo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC).
A UDC publica hoxe un concurso de ideas dirixido a arquitectos/as e estudantes de Arquitectura para que propoñan os seus deseños do que será o “CITIC. Cidade das TIC”, que deberá concibirse como un elemento de gran relevancia arquitectónica priorizando en todo momento a sustentabilidade da infraestrutura e da súa contorna.
O concurso de ideas con xurado prevé a concesión de tres premios económicos: un primeiro premio de 20.000 euros, un segundo de 10.000€ e un terceiro premio de 7.000€. Con todo, o xurado ten a opción de destacar os traballos que considere con mencións honoríficas.
As bases do concurso poden consultarse na páxina web do CITIC, desde onde se terá acceso a toda a documentación complementaria para a elaboración das propostas.
Complexo industrial histórico
O novo edificio estará situado na Cidade das TIC, complexo industrial histórico que se está proxectando nos terreos da antiga Fábrica de Armas da Coruña, cedidos á UDC polo Ministerio de Defensa co obxectivo de impulsar unha estratexia urbana para crear un polo TIC de innovación dixital de referencia a nivel nacional e internacional. A futura cidade tecnolóxica conta co apoio explícito de todas as administracións para contribuír á especialización de Galicia en tecnoloxías emerxentes.
O “CITIC. Cidade das TIC” situarase na zona que se define como centro I+D+i e nodo de intelixencia artificial, un emprazamento estratéxico de posición elevada e moi visible desde o exterior, o que intensificará a súa condición de edificio de referencia dentro do complexo. Deseñarase para unha superficie inicial duns 6.500 metros cadrados construídos, pero incorporará a posibilidade de crecer ata o dobre sen perder a súa esencia e mantendo a súa condición de fito.
O prazo de entrega de propostas esténdese ata o 10 de novembro, segundo o seguinte cronograma que resume as datas claves deste concurso:
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC