Ferrol, 12 de xuño de 2025.- Co obxectivo de recoñecer e impulsar a calidade daquelas iniciativas de innovación docente que empreguen a metodoloxía de Aprendizaxe e Servizo dentro do marco curricular, a Universidade da Coruña (UDC) convocou a cuarta edición duns premios que distinguen estes proxectos, aprobados nalgunha das convocatorias de certificación impulsadas pola Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización nos cursos 2022/23 e 2023/24, nas modalidades de Sustentabilidade e Concienciación Medioambiental, Sensibilización e Educación para a Cidadanía e na Redución das Desigualdades.
A Aula Magna da Facultade e Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol acolleu este xoves o acto de entrega dos IV Premios a Proxectos de Innovación Docente en Aprendizaxe e Servizo na UDC. Un emotivo evento presidido polo vicerreitor de Titulacións e Internacionalización, Moisés Canle; pola delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros; e máis pola concelleira de Política Social e Inclusión, Rosa Martínez, ao que se sumaron, para a entrega dos galardóns, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; a directora da Cátedra Empresa Familiar, Berta Rivera; e o director da Cátedra Hijos de Rivera, José Benito Pérez.
Na modalidade de Sustentabilidade e Concienciación Medioambiental resultaron galardoados, co primeiro premio, o proxecto “O Monte Cambeiro: Un parlamento de Cousas”, impulsado polos docentes da Facultade de Socioloxía, José Antonio Cortés, Elvira Santiago e Carlos Diz. O segundo galardón recaeu no proxecto “Instalación sonora viaxe especial, unha experiencia creativo-sensorial con nenos e nenas de Educación Infantil”, promovido polos profesores da Facultade de Ciencias da Educación, Vicente Castro e Rocío Chao.
No eido da Sensibilización en Educación para o Desenvolvemento resultou gañador o proxecto “Cartografía Corporal: dos discursos de odio a un lecer compartido”, promovido polas profesoras Laura Cruz e María Barba. O segundo premio foi para “Agra: un barrio de coidados. Fortalecidas capacidades para a defensa do Dereito de Hábitat no marco da Axenda 2030-ODS”, detrás do que están os docentes Antía Domínguez, Laura Cruz, Natalia Yanaina, Carlos Diz, Mónica Fernández, Antía Pérez, José Antonio Cortés, Raúl Rey, Clara Bobillo, Tina Magazzini, Andrea Souto, Montserrat Golías e Kenia Espiñeira.
Por último, na liña de traballo centrada na Redución de Desigualdades resultaron premiados, co primeiro galardón, o proxecto “Unha proposta de Aprendizaxe e Servizo na formación de educadores e educadoras: colaboración entre a UDC, a Asociación Cuarto Mundo e os municipios da Comarca da Ulloa”, impulsado polos docentes da Facultade de Ciencias da Educación, Eva Espiñeira, Rocío Bellón, José Luis Martín e Patricia Coucheiro. O segundo premio foi para o proxecto “Un TFG para o desenvolvemento de xogos para persoas con diversidade funcional e cognitiva” promovido pola profesora da Facultade de Informática, Adriana Dapena.
Conmemoración do 10º Aniversario da metodoloxía de ApS no Campus Industrial de Ferrol
O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, inaugurou este xoves, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, xunto coa directora da Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV), Acacia Naves, e máis co director do Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (CUFIE), José Antonio García, o acto de recoñecemento a todas as persoas e entidades que teñen colaborado, ao longo destes últimos 10 anos, nos chamados Proxectos de Aprendizaxe e Servizo, unha metodoloxía docente que integra nunha mesma proposta formativa a aprendizaxe académica xunto coa prestación dun servizo á comunidade.
Na súa intervención, o reitor da UDC explicou que a institución tomou, hai xa 10 anos, a “decisión firme” de incorporar a metodoloxía de ApS nas súas aulas, co desexo de fortalecer os lazos existentes entre a universidade e a súa contorna para “formar persoas comprometidas coa realidade social e orientar a educación superior cara o ben común”.
Do mesmo xeito, a directora da Oficina de Cooperación e Voluntariado e o director do CUFIE manifestaron a súa intención de continuar traballando de forma conxunta para incrementar o número de proxectos, de alumnado, de profesorado e de entidades implicadas nesta metodoloxía docente.
No marco deste acto conmemorativo do 10º aniversario a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, impartiu a conferencia na “10 anos de ApS na UDC”. Ao seu remate, proxectouse o vídeo “10º Aniversario da ApS na UDC”, elaborado polo persoal do CUFIE.
Logo disto, as autoridades e público asistente trasladáronse ata a Sala de Exposicións do Centro Cultural Universitario do Campus Industrial de Ferrol para visitar os preto de 100 pósters nos que se recollen algúns dos proxectos de Aprendizaxe e Servizo levados a cabo durante os últimos 10 anos na Universidade nas áreas de coñecemento de Arquitectura e Enxeñaría, de Ciencias, de Ciencias da Saúde, de Ciencias Sociais e Xurídicas ou na das Artes e das Humanidades. Esta mostra, poderase visitar, de xeito totalmente gratuíto, ata o vindeiro 26 de xuño.
De seguido, tivo lugar o acto de inauguración da Feira de Entidades. Varias carpas situadas na praza que hai diante da Facultade de Humanidades e Documentación acolleron as mesas informativas nas que Acougo, ASCM Galicia, Aspanaes, Betula – Custodia do Bosque Atlántico (Maniños – Fene), Cogami, Dignidad Galicia – Ferrol, a Fundación Enki, EuroEume, a Fundación ONCE, Xanela, Mundo Sen Guerras, Amnistía Internacional, Cruz Vermella, Enxeñaría Sen Fronteiras Galicia (ESF), Campaña Mundial pola Educación e Manos Unidas deron a coñecer o seu labor entre a comunidade universitaria.
A xornada estivo amenizada polas actuacións do pianista Diego Castro, de Lara de la Iglesia, voz do Coro Toxos e Froles de Ferrol, e do acordeonista Joaquín Enríquez, a da moza ucraína Solomiia Savchuk, así como pola da finalista do Talentiño, na categoría “Vocalistas”, Sabela Castro, e máis pola gañadora do segundo premio deste mesmo concurso xuvenil impulsado polo Concello de Ferrol, na categoría de “Instrumentalista”, Xiana Ruíz.
Foto 1: o profesorado da Universidade da Coruña galardoado nos IV Premios a Proxectos de Innovación Docente en Aprendizaxe e Servizo xunto coas autoridades asistentes ao acto.
Foto 2: visita das autoridades a un dos postos informativos da Feira de Entidades que tivo lugar na praza que hai diante da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC