A Coruña, 16 de febreiro de 2026
O investigador Moisés Canle, vicerreitor de Titulacións e Internacionalización da UDC e a investigadora Alena Voznakova, integrantes do Grupo de Investigación en Reactividade Química e Fotorreactividade (React!), participaron estes días na segunda reunión do proxecto europeo UrbaQuantum, celebrada en Marne-la-Vallée (París) e acollida pola Université Paris-Est Créteil.
UrbaQuantum enmárcase no Plan de Acción “Zero Pollution” da Unión Europea, está finandiado a través do programa Horizon Europe e ten como obxectivo transformar o modelo de xestión da auga urbana mediante o desenvolvemento de estratexias de sensorización integrada e modelización avanzada, así como a creación de ferramentas de apoio á toma de decisións. O proxecto busca contribuír á construción de contornas urbanas máis resilientes e sostibles.
Durante o encontro, o grupo React! presentou os avances realizados no paquete de traballo 2, liderado pola UDC en colaboración con EMALCSA e FEUGA, entre outros socios do consorcio. Este paquete céntrase no desenvolvemento dos estudos de caso e na implicación activa de terceiros actores interesados na temática.
Neste marco, o grupo de investigación da Universidade da Coruña lidera a definición dos catro emprazamentos de estudo de caso de UrbaQuantum — A Coruña, París, o sueste do Reino Unido e Atenas —, coordinando a participación das partes interesadas, a toma de mostras e a recollida de datos, así como a integración dos desenvolvementos tecnolóxicos do proxecto en condicións reais. Ademais, o grupo encárgase da preparación dos datos de validación para sensores e modelos.
Ao longo da reunión abordáronse os principais logros acadados ata o momento, así como os desafíos identificados e os resultados clave obtidos. Así mesmo, definíronse as liñas de traballo para a seguinte fase do proxecto, establecendo unha folla de ruta para os próximos meses.
UrbaQuantum
O consorcio de UrbaQuantum está integrado por 18 entidades académicas, científicas e empresariais de Chipre, Francia, Reino Unido, Alemaña, España e Grecia e coordinado polo coordinado polo Cyprus Research & Innovation Centre.
Cunha duración prevista de 4 anos, o proxecto ten como obxectivo establecer un novo paradigma para o manexo integrado da auga urbana, abordando desafíos como o cambio climático, a contaminación, a reurbanización desde o punto de vista da auga, os problemas asociados ao envellecemento das infraestruturas de servizos de auga ou o deseño das políticas relacionadas.
Os seus casos de estudo levaranse a cabo en Atenas (Grecia), A Coruña (España), rexión sudoeste do Reino Unido e París (Francia), enfocándose en aspectos como a mellora dos procesos de tratamento, considerando as novas ameazas, tanto en augas de bebida, para uso recreativo ou residuais, buscando unha mellora na súa calidade, a vixilancia da presencia de microplásticos e a xestión de eventos de desbordamento, a fin de asegurar a seguridade hídrica cara ao futuro, a saúde pública e a resiliencia climática.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC