A Coruña, 24 de marzo de 2026
O reitor da UDC, Ricardo Cao, actual delegado para Ciencia Aberta da Confederación de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) participou na primeira sesión das II Xornadas Nacionais de Ciencia Aberta organizadas pola CRUE, un encontro que se celebra “nun momento especialmente relevante”, segundo explicou Cao, pois “ten pasado de ser unha aspiración compartida a converterse nun marco estrutural de referencia”, recollido na Estratexia Nacional de Ciencia Abierta.
Cao subliñou o papel activo da CRUE neste impulso, pois as universidades españolas concentran unha parte moi significativa da investigación que se realiza en España. Por esta razón, dixo, “temos tamén unha responsabilidade directa na forma en que se produce o coñecemento, na súa avaliación e os mecanismos para compartila e preservala”.
Nestas xornadas abordáronse cuestións clave como a avaliación da investigación, a publicación académica en aberto, a xestión FAIR dos datos, as infraestruturas, os incentivos e a formación. “Todos estes elementos forman parte dun mesmo ecosistema e expoñen retos inmediatos e complexos”, salientou Cao. Entre eles, destaca un de especial actualidade, como é a consolidación de Open Research Europe, que abre novas oportunidades pero que esixe tamén dunha adaptación institucional.
Na súa intervención Cao avogou porque a ciencia aberta se incorpore desde o inicio e non só ao final do proceso. “Debe ser -explicou-, parte da formación de base das persoas investigadoras. Neste sentido, os programas de doutoramento son espazos claves para integrar boas prácticas en xestión de datos, publicación responsable, ética da investigación, colaboración e relación coa sociedade”.
O reitor da UDC lembrou as ensinanzas que deixou a pandemia da COVID 19, momento no que a apertura de datos, o acceso rápido aos resultados de investigación, a colaboración internacional e a comunicación transparente foron determinantes para avanzar. Isto amosou que a ciencia aberta é tamén unha cuestión de responsabilidade social, de confianza e de lexitimidade do sistema científico.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC