A UDC fai entrega dos novos espazos para os Centros de Investigación Interuniversitarios

Nota de prensa

25/03/25 13:31

  • Institucional
  • Na actualidade os centros de investigación interuniversitarios ECOBAS; CISPAC e CITMAga contan con 78 persoas da UDC entre o seu persoal investigador adscrito. 
  • Os novos espazos están localizados na planta -4 do Edificio de Servizos Centrais de Investigación da UDC no Campus de Elviña.

 

A Coruña, 25 de marzo de 2025.- A Universidade da Coruña fixo entrega esta mañá dos novos espazos habilitados no Edificio de Servizos Centrais da Investigación (ESCI) aos centros de investigación interuniversitarios nos que participa, ECOBAS, CISPAC e CITMAga.

As reformas realizadas no marco do Plan Integral de Rehabilitación, Mellora Enerxética e Humanización (PIRMEH) na planta -4 do Edificio crearon este novo espazo remodelado, concibido para albergar aos centros interuniversitarios. Un acondicionamento das infraestruturas que responde á estratexia da UDC de favorecer a colaboración e a excelencia investigadora, facilitando medios axeitados para o desenvolvemento das actividades destes centros.

 

Un espazo para cada centro

Cada centro de investigación contará cun espazo independente, todos do mesmo tamaño e simétricos. Cada un deles conta de dous despachos de 18m2 cada un, con entradas independentes e comunicados por unha área común de 6m2, en total 42m2.

A idea do proxecto de reforma foi tamén a creación dun lugar de traballo híbrido e flexible, no que conviven estas zonas independentes con outras que favorecen o traballo en grupo, áreas de descanso e ocio, e un espazo pensado como salón de actos.

 

Entrega de espazos

O acto de entrega contou coa presenza do vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC, Jerónimo Puertas e as adxuntas de Investigación e Transferencia, Amalia Jácome e Susana Ladra, respectivamente; así como  representantes dos tres centros de investigación. Por parte de ECOBAS (Economics and Business Administration for Society), asistiron a directora científica, María Loureiro; o director adxunto, Pablo Cabanelas; e a secretaria, Emma Iglesias. Representando ao CISPAC (Centro Interuniversitario de Estudos das Paisaxes Atlánticas Culturais), estivo o seu director científico, Lourenzo Fernández mentres que o CITMAga estivo representado pola súa directora, Rosa Crujeiras; e o responsable da UDC, Miguel Brozos.

Na súa intervención, Jerónimo Puertas, vicerreitor de investigación da UDC,  afirmou que “esta acción reafirma a aposta da Universidade da Coruña pola investigación de vangarda e a colaboración interuniversitaria, poñendo a disposición do persoal investigador as infraestruturas necesarias para o desenvolvemento dos seus proxectos”.

Os persoal representante dos tres centros afirmou estar moi satisfeitos con estas novas áreas de traballo que “permitirán desenvolver a súa labor investigadora dun xeito máis confortable e en contacto con outros grupos e áreas de investigación da Universidade, o cal sempre é enriquecedor e favorece a interacción”.

 

Tres centros de investigación interuniversitarios na UDC

 ECOBAS

ECOBAS é un centro de investigación interuniversitario especializado no estudo da sostibilidade económica, ambiental e social. Co obxectivo xenérico de axudar a responder aos actuais retos nestes tres ámbitos que configuran a sostibilidade nun sentido amplo, desenvolve unha investigación de excelencia e de fronteira e interdisciplinar, establecendo alianzas estratéxicas coa misión de converterse nun centro de investigación referente en ciencias sociais.

Baixo a dirección científica de María Loureiro García, catedrática do Departamento de Fundamentos da Análises Económica da Universidade de Santiago de Compostela; a dirección adxunta de Pablo Cabanelas Lorenzo, profesor titular do Departamento de Organización de Empresas e Marketing da Universidade de Vigo; e da secretaría de Enma Iglesias Vázquez, catedrática do Departamento de Economía da Universidade da Coruña; nel traballan 113 persoas investigadoras, 33 das cales son da Universidade da Coruña.

 

CISPAC

O CISPAC é un centro interuniversitario de investigación dedicado ao estudio das paisaxes desde unha perspectiva transdisciplinar, na procura de dar respostas epistémicas aos retos contemporáneos e para xerar, desde o coñecemento, outra forma de ollar e traballar a paisaxe, o patrimonio e a produción, dende a identidade, a participación e a sustentabilidade.

Para desenvolver esta misión a súa axenda científica organízase en cinco campos de acción: Paisaxes que teñen xente, Paisaxes que producen, Paisaxes que se gobernan, Paisaxes con patrimonio e Paisaxes visitadas.

Coa dirección científica de  Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de  Santiago de Compostela; a dirección Adxunta de Laura Oso Casas, catedrática de Socioloxía da Universidade da Coruña; e dirección adxunta de Xavier Simón Fernández, catedrático de Economía Aplicada da  Universidade de Vigo; o centro acolle o traballo de 105 persoas investigadoras, 31 delas da Universidade da Coruña.

 

CITMAga

O CITMAGA é un centro interdisciplinar e colaborativo que traballa na procura da excelencia na investigación, formación, transferencia e innovación matemática, xerando unha entidade de I+D sostible e con impacto académico, social e económico. Organiza a súa actividade nas áreas de: Ciencia e Coñecemento, Vida e Sostibilidade, Sociedade Dixital e Competitividade Industrial, tentando dotar á sociedade e industria galega e española, a través do desenvolvemento da matemática, dunha vantaxe competitiva e sostible a través do acceso a tecnoloxías innovadoras de primeiro nivel.

Baixo a dirección científica Rosa M. Crujeiras Casais, catedrática do Departamento de Estatística, Análise Matemático e Optimización da Universidade de Santiago de Compostela; a dirección adxunta Javier Roca Pardiñas, catedrático de Estatística e investigación Operativa da Universidade de Vigo; e coa coordinación desde a Universidade da Coruña está a cargo de Miguel Brozos Váquez, profesor titular do Departamento de Matemáticas da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol. O centro acolle o traballo de 106 persoas investigadoras vinculadas,  14 deas da UDC.

Sinatura 1 reducida

Sinatura 2 reducida

Sinatura 3 reducida

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC