A UDC conclúe con éxito o Congreso Internacional “A viaxe a través da palabra”, que abordou o diálogo entre Turismo e Literatura

Nota de prensa

21/10/25 12:52

  • Institucional
  • O encontro celebrouse no Paraninfo da Reitoría da UDC e contou con especialistas de universidades españolas e internacionais. 
  • A organización do congreso valora moi positivamente os resultados deste dinámico encontró, cunhas comunicacións que destacaron pola súa calidade investigadora e variedade temática, poñendo de manifesto a riqueza do tándem Literatura-Turismo.

 

A Coruña, 21 de outubro de 2025.- Tras o éxito da súa primeira edición en 2021, o II Congreso Internacional “A viaxe a través da palabra” consolidouse como un espazo de diálogo entre literatura, creación, investigación, turismo e industrias culturais. O encontro, celebrado os días 16, 17 e 18 de outubro no Paraninfo da Reitoría da Universidade da Coruña (UDC), reuniu a numeroso persoal expertoe de recoñecido prestixio que abordaron o concepto da viaxe non só como forma literaria, senón tamén como espazo de intercambio e comunicación entre a vida, a experiendia e a literatura.

O Congreso foi organizado por persoal docente e investigador do Grao en Turismo da Área de Lingua e Literatura Hispánica da UDC, en colaboración cos grupos de investigación CULXEO e HISPANIA, e contou coa participación de especialistas de distintas universidades españolas e estranxeiras que integraron o Comité Científico.

O programa desenvolveuse arredor de diferentes eixos temáticos que exploraron as múltiples conexións entre turismo e literatura. As conferencias e comunicacións puxeron de manifesto o carácter dinámico e interdisciplinar do Congreso, no que se presentaron investigacións recentes e experiencias innovadoras neste ámbito.

Entre os relatores internacionais destacou a intervención de Andrea Zinato, catedrático da Universidade de Verona, quen falou das viaxes de Pedro Tafur en Venecia; a comunicación de Lizzie Dunford, directora da Casa Museo de Jane Austen (Reino Unido); e a disertación de Luis Pedro Martins, presidente da Entidade Rexional de Turismo do Porto e Norte de Portugal, que abordou o turismo literario desde unha perspectiva política e de xestión.

O diálogo entre turismo e literatura estivo presente tamén nas experiencias de Aventuras Literarias, cos seus coñecidos mapas literarios, ou na “prescrición literaria” da influencer @loenlasnubes (Lorena Benbibre). Ademais, o público puido gozar das intervencións de Patricia Almarcegui, Esperanza Mara, e do emotivo peche a cargo de Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, coa conferencia Memorias de vida a través dunha biblioteca.

O Congreso levouse, ademais, ás rúas da cidade herculina, cunha visita guiada a cargo de Suso Martínez, quen presentou o seu libro El Rey de los Jíbaros, unha sesión de regueifa con Guadalupe Blanco na praza de Azcárraga e un tramo do Camiño Inglés dinamizado pola guía Natalia Pérez. A xornada final, entre Bruma e Os Carrás, combinou literatura oral, música e baile tradicional, acompañados dunha degustación de produtos locais.

Este encontro internacional reafirmou así o compromiso da Universidade da Coruña coa promoción da investigación, o turismo sustentable e a cultura, creando pontes entre disciplinas e consolidando a cidade como punto de encontro de viaxeiros, narradores e lectores.

 

 

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC