A Coruña, 24 de novembro de 2023.- A Oficina de Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña organiza o vindeiro luns día 27 de novembro, ás 11:00 horas, no salón de graos da Facultade de Ciencias da Comunicación e Socioloxía da UDC, a xornada “Comunicación e Violencia de Xénero”, en colaboración coa Subdelegación do Goberno.
O evento dará comezo co relatorio de Isabel Bértolo Edreira, Character FX Senior Artist no estudio de animación Skydance Animation, e ex-alumna da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña, que leva por título “O rol da muller na animación”.
Isabel é licenciada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo e licenciada en Comunicación Audiovisual na Universidade da Coruña, cun máster en animación 3D e formación en técnicas de Stop Motion. Conta cunha ampla traxectoria no mundo da animación en diversas empresas, ademais de Skydande Animation, onde traballa na actualidade, colaborou con Lightbox Animation Studios, Blow Studio, Ilion Animation Studios, MPC ou Framestore, entre outras.
A xornada continuará coa apertura da mesa redonda que contará coa fotoxornalista Vanessa Casteleiro, a creadora e produtora de contidos Priscila Retamozo Ramos e a presidenta da Asociación Mirabal Ana Saavedra López, asociación de axuda ás vítimas de violencia de xénero. Ana Saavedra, foi vítima de malos tratos por parte da súa parella, sobreviviu a un apuñalamento no que lle cortaron a tiroides, e agora, desde a asociación, dedícase a axudar a outras mulleres, labor pola cal recibiu un Premio Menina no ano 2019.
O evento enmárcase dentro do conxunto de actividades que se promoveron desde a Vicerreitoría de Igualdade da Universidade da Coruña con motivo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC