A Coruña, 11 de decembro de 2024.- O CITIC da UDC acolleu este martes, 10 de decembro, a conferencia da consultora e deseñadora de proxectos Alba Meijide titulada “Innovación Responsable”, na que abordou como a intelixencia artificial pode ser unha ferramenta clave para avanzar cara a un futuro sostible. A través de dous exemplos prácticos, explicou de que xeito o deseño eficiente de sistemas de IA permite combinar sustentabilidade e eficiencia na utilización dos recursos dispoñibles.
No primeiro exemplo, cun enfoque técnico, destacou a importancia de desenvolver modelos sostibles de intelixencia artificial. Meijide fixo fincapé na necesidade de implantar sistemas eficientes que substitúan procesos altamente enerxéticos. Para ilustralo, presentou un proxecto de xestión de localizacións de rodaxe. A IA aplicada neste caso permite optimizar a busca de diferentes escenarios mediante un mapa interactivo que tamén inclúe información sobre hoteis, empresas de catering e outros servizos relevantes para a produción. Este sistema emprega redes neuronais convolucionais, deseñadas especificamente para traballar con imaxes, e optimiza o consumo enerxético durante o proceso de adestramento dos modelos.
No segundo exemplo, partindo dun enfoque creativo, explicou como os proxectos baseados en IA poden optimizar procesos e reducir o consumo de recursos, abrindo novas posibilidades en sectores diversos.
Entre as conclusións, destacou que a IA xerativa representa un desafío pola súa elevada esixencia computacional, pero tamén unha oportunidade se se toman decisións técnicas axeitadas no deseño dos sistemas. Subliñou a importancia de avaliar e elixir modelos de IA eficientes, independentemente da súa aplicación, para garantir a sustentabilidade e maximizar o impacto positivo.
Esta conferencia enmárcase na actividade organizada pola Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes, que ten como obxectivo promover a investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento no ámbito da intelixencia artificial e dos algoritmos verdes co fin de contribuír ao desenvolvemento sostible e á protección do medio ambiente.
Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes
A Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes ten obtido unha axuda na convocatoria competitiva Cátedras ENIA 2022 para a creación de cátedras universidade-empresa en IA, financiada pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, sendo algúns dos obxectivos específicos os seguintes:
Un equipo de 20 persoas conforman a cátedra, 16 delas están adscritas ao CITIC da UDC. Do colectivo total, 10 son mulleres e 10 homes. Trátase dun grupo multidisciplinar “como é necesario na investigación en algoritmos verdes - sinala a investigadora principal do proxecto, Verónica Bolón- que require o apoio de grupos de investigación do campo da intelixencia artificial e da informática, de problemas medioambientais, e da investigación ética, social e económica”.
Sobre o CITIC
O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia artificial; Ciencia e Enxeñería de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.
O CITIC está acreditado como Centro Excelente e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora”.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC