A Coruña, 27 de setembro de 2023.- A Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña organiza a quinta edición do “Obradoiro de Naturezas Híbridas: o rastro material da enerxía”. O evento terá lugar os días 28 e 29 de setembro e combinará parte da programación no Salón de Graos do centro, cunha saída á comarca do Eume para visitar diversas localizacións relacionadas coa temática do evento.
Mañá xoves, día 28 de setembro, ás 9:00 horas, dará comezo o primeiro dos seminarios, da man de Aranza González, da plataforma “Aldeas libres e macro-renovables”, que falará sobre os impactos da enerxía eólica e a crecente contestación social.
A continuación proxectarase o documental “As Encrobas, a ceo aberto”, e contará cunha charla-coloquio co director da obra, Xosé Bocixa.
Para rematar a xornada, o evento contará coa asistencia do escritor e xornalista Manuel Rivas, que impartirá unha conferencia “A viaxe do Xurelo: A enerxía nuclear e os seus riscos en Galiza”, cando se cumpren máis de 40 anos da travesía que marcou o inicio do movemento ecoloxista en Galicia.
O venres 29 a actividade retómase coa saída en autobús cara á Comarca do Eume, que se prolongará durante todo o día. Os participantes terán a oportunidade de coñecer o Parque Eólico Experimental Sotavento en Xermade, para despois desprazarse á localidade de As Pontes de García Rodríguez e realizar un roteiro polos espazos da Mina de Carbón e a Central Térmica e a posterior visita á Mina de Carbón.
Despois dun xantar-coloquio nos arredores do lago das Pontes con membros da veciñanza e representantes locais, o grupo desprazarase á Capela para visitar o Museo Etnográfico e os muíños de auga do río Sesín.
Xa para rematar a xornada, a última visita do día será ao encoro do Eume e á Central Eléctrica da Ventureira, para regresar á Facultade de Socioloxía en torno ás 20:00 horas.
Estes obradoiros, de carácter anual, pretenden explorar novas formas de docencia e investigación sustentadas nun compromiso ético, feminista e ambiental. Entre os seus obxectivos está explorar outras formas de aprendizaxe activo que mesturen o entorno académico con outro tipo de saber non experto.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC