A Facultade de Informática entrega os premios aos mellores TFG aplicados do curso 2023/24

Nota de prensa

28/04/25 11:40

  • Institucional

 

  • Pablo Páramo Telle e Carlota Vázquez Arrojo gañan o X Premio ao Mellor TFG Aplicado da FIC nos graos de Enxeñaría Informática e Ciencia e Enxeñaría de Datos, respectivamente.

 

A Coruña, 28 de abril de 2025.- A Facultade de Informática da Universidade da Coruña celebrou, o venres 25 de abril, a entrega da X edición do Premio ao Mellor TFG Aplicado; un recoñecemento que destaca os mellores traballos fin de grao con aplicación directa no ámbito tecnolóxico e con impacto potencial na sociedade e no tecido empresarial.

Na modalidade do Grao en Enxeñaría Informática, o primeiro premio foi concedido a Pablo Páramo Telle polo desenvolvemento de ComunicELA, unha ferramenta software baseada en intelixencia artificial que facilita a comunicación ás persoas afectadas por Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA). O accésit nesta categoría recaeu en Alejandro Buján Pampín polo seu traballo sobre a optimización do tempo de comercialización de software mantendo a calidade e a xestión eficaz dos cambios.

No Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos, o primeiro premio foi para Carlota Vázquez Arrojo, autora dun traballo de detección temperá de enfermidades neurodexenerativas mediante imaxes OCT, empregando técnicas avanzadas de intelixencia artificial baseadas en biomarcadores retinianos. O accésit foi para Carmen Lozano López, que desenvolveu un sistema de detección de fracturas cervicais con intelixencia artificial para a asistencia ao persoal especialista na interpretación de imaxes de tomografía computarizada.​​

No acto, Mariano Cabrero Canosa, decano da Facultade de Informática, destacou “a calidade dos proxectos presentados e que supoñen unha posta en valor do talento do noso estudantado, especialmente no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas a problemas reais da sociedade e da empresa”. Ademais, aproveitou para agradecer “o traballo tanto de estudantes, profesorado como empresas para o desenvolvemento destes TFG”.

A entrega dos premios realizouse no marco da VI Feira de Prácticas e Emprego (FEPE FIC), un evento que consolidado como punto de encontro esencial entre o estudantado da FIC e as principais entidades tecnolóxicas do sector TIC. Esta feira permite ás empresas dar a coñecer os seus proxectos, así como explorar oportunidades de colaboración e inserción laboral para os futuros egresados e egresadas​.

O galardón contou co patrocinio das empresas Aldaba, NTT Data e Sngular, a través das súas cátedras institucionais, así como coa colaboración do Centro de Investigación en TIC (CITIC) da UDC e da Fundación Universidade da Coruña (FUAC).

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC