A Facultade de Informática da Universidade da Coruña premia os mellores Traballos Fin de Grao no último día da súa feira de emprego

Nota de prensa

26/04/24 8:28

  • Institucional
  • O primeiro premio recibiuno Jesús Mosteiro García polo traballo “Paralelización dun algoritmo de aprendizaxe automática multi-vista baseado en grafos”

 

A Coruña, 26 de abril de 2024.- A V Feira de Prácticas e Emprego da Facultade de Informática da UDC chegou este xoves ao seu fin, cun notable éxito de asistencia entre o alumnado da Facultade. Multitude de persoas acudiron a esta cita pensada para o estudantado de grao e máster interesado en realizar prácticas en empresas, iniciar a súa carreira investigadora, ou integrarse no mundo laboral.

A de onte foi a última das tres xornadas do encontro, que comezou o pasado martes, 23 de abril, coa presenza de preto dunha trintena de empresas do sector TIC. Nesta derradeira sesión participou o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC (CITIC) e empresas do sector, como Aldaba, ITG, Minsait, NTT Data, Qindel, Sngular, Torus e Trileuco, que puideron facer unha breve presentación sobre o perfil da empresa en que traballan e que poden ofrecer aos alumnado desta facultade.

Desde a caseta do CITIC ofreceuse información aos asistentes sobre o plan de prácticas propio, MestreTIC, e outras accións pensadas para o persoal de investigación ou en formación, como os almorzos TIC Talk ou o Congreso XoveTIC.

Ao final da mañá entregáronse os IX Premios ao mellor Traballo Fin de Grao aplicado da FIC, destinados a estudantes con cualificación de Matrícula de Honra e patrocinados polas cátedras Aldaba WIB, CICAS-Sngular e NTT Data, ademais de contar coa colaboración do CITIC e a FUAC. Concedéronse dous accésits, dotados con 500 € cada un, e un primeiro premio de 1500 €.

O accésit do Grao en Enxeñaría Informática foi para Lucía María Álvarez Crespo polo traballo “Amosando o lado escuro das redes sociais: desenvolvemento do primeiro corpus en lingua galega para a detección de misoxinia en Twitter e Mastodon”, titorizado por Laura Milagros Castro Souto. Por este mesmo proxecto, Lucía gañou o Premio Cátedra NTT Data «Ao máis relevante no ámbito da diversidade, economía social e promoción da igualdade» no VI Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC en outubro de 2023.

O accésit correspondente ao Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos recaeu en Pedro Redondo Loureiro, polo traballo “Detección automática da enfermidade de Alzheimer a partir de imaxes OCT retinianas en ratos transxénicos PS19 tau”, titorizado por José Joaquim De Moura Ramos e Marcos Ortega Hortas.

Finalmente, Jesús Mosteiro García levou o primeiro premio polo seu traballo “Parallelization of a graph-based multi-view machine learning algorithm” (Paralelización dun algoritmo de aprendizaxe automática multi-vista baseado en grafos), titorizado por Jorqe González Domínguez e Juan Touriño Domínguez. Mosteiro tamén formou parte do equipo gañador da competición de ciberseguridade CITIC Cyber Competition (C3TF), celebrada no mes de marzo, na que participaron 157 estudantes de toda España.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC