A Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña celebra eta semana o FETSAC’24

Nota de prensa

11/04/24 13:41

  • Institucional
  • O Festival xurdiu no ano 2009 como un evento reivindicativo e rematou por converterse nun festival cultural de 4 días de duración.

 

A Coruña, 11 de abril de 2024.- A Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña (ETSAC) está estes días de celebración.  Organizada por alumnos e alumni da escola, o Festival de Arquitectura “FETSAC” é un evento aberto á colaboración que dá visibilidade a contidos de interese fóra dos programas académicos da escola, involucrando á maior cantidade de alumnado posible nun ambiente lúdico.

A primeira edición do FETSAC naceu no ano 2009 como un evento reivindicativo, onde a intención por parte das 8 persoas que iniciaron esta iniciativa era cambiar o ambiente que respiraba a Escola. Pese a que nun principio o evento estaba destinado á celebración dun “patrón” como no resto de facultades, rematou por converterse nun festival cultural de 4 días de duración con conferencias, talleres e un ambiente inimaxinable naqueles tempos.

Este ano é a décimo quinta edición do evento e desde a ETSAC pretenden consolidado como unha das citas culturais referentes do centro. Organizado integramente por alumnas, o Festival de Arquitectura envorca sobre a escola unha serie de inquedanzas que se traducen nunha semana de actividades, as cales, tras dúas horas de clase, de 9 a 11 da mañá, desenvólvense ata a noite e comprenden talleres, conferencias, exposicións, debates ou performances.

            A pasada edición a FETSAC obtivo unha gran repercusión a nivel nacional e internacional. Aínda que o festival está dirixido aos estudantes de arquitectura, todos os anos procuran incluír contidos que toquen outros ámbitos, os cales son retransmitidos vía streaming mediante a canle de Twitch do centro e subidos a Youtube con posterioridade.

 

Logros acadados

Estes logros permitíronlle ao festival traspasar as fronteiras da súa data de celebración. En outubro de 2012 o noso traballo foi publicado na revista Arquitectura Viva, cunha edición dedicada a “Colectivos de arquitectura”. Ademais, en decembro do mesmo ano, a FETSAC estivo presente no Encontro anual de Arquitecturas Colectivas celebrado en Sevilla.

No ano 2018, no eido internacional, a FETSAC formou parte do pavillón español na Bienal de Venecia de Arquitectura. Tamén a páxina web Plataforma Arquitectura publica anualmente a Chamada a Participantes.

Ao longo dos anos o festival foi exemplo e referente en escolas de todo o estado, sendo replicado por outros colectivos estudantís, chegando a compartir a experiencia con alumnado da ETSAR, da Universitat Rovira i Virgili e da ETSAS, da Universidade de Sevilla.

As organizadoras deste festival forman parte da ‘Asociación Universitaria de Alumnos Activos de Arquitectura’, que organiza así mesmo diversos eventos divulgativos ao longo do curso, fomentando a participación do alumnado de todas as titulacións que se imparten na ETSAC, alumni e persoal docente.

Este ano, baixo o nome "Proxectos X" a organización decidiu traer contido atractivo e de interese, conseguindo abranguer desde relatorios de alumni da Escola, pasando por personalidades influíntes da actualidade divulgativa, ata galardoados co Premio Nacional de Arquitectura.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC