A Cátedra Hijos de Rivera-UDC concede o premio á mellor Tese de Doutoramento en Desenvolvemento Sostible a unha investigación que elabora materiais de construción usando cuncha de mexillón

Nota de prensa

21/12/21 11:29

  • Institucional
  • Este traballo de investigación naceu no marco do Proxecto Biovalvo, que cristalizou na construción dun edificio experimental no Campus de Elviña no que se incluíron cunchas de mexillón no teito, nas paredes, no chan e nos cimentos.
  • A tese premiada foi elaborada por Carolina Martínez García, baixo a dirección dos doutores Belén González Fonteboa e Diego Carro López, da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos da UDC.

 

A Coruña, 21 de decembro de 2021.- A Cátedra Hijos de Rivera–UDC de Desenvolvemento Sostible resolveu o Premio á Mellor Tese de Doutoramento en Desenvolvemento Sostible. Nesta primeira edición, o premio foi concedido á tese “Avaliación da cuncha de mexillón para o desenvolvemento de diferentes biomateriais de construción”, desenvolvida por Carolina Martínez García, baixo a dirección dos doutores Belén González Fonteboa e Diego Carro López, da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos.

España é un dos principais produtores mundiais de mexillón, sendo as costas de Galicia o centro desta industria, cunha produción anual de aproximadamente 200.000 toneladas. Preto do 40% destes mexillóns procésase e comercialízase en conserva, de xeito que a industria conserveira refuga as cunchas que posteriormente se converten nun subproduto. A estimación da xeración de residuos desta industria só en Galicia é de 25.000 toneladas anuais, que só se reciclan parcialmente.

 

Innovación

A tese de doutoramento premiada analiza o uso de cunchas de mexillón como biomaterial de construción para o seu uso en diferentes aplicacións como áridos para a fabricación de formigón, morteiros de revestimento innovadores e como recheo solto para illamento.

A cuncha de mexillón foi tratada termicamente a 135°C, triturada e tamizada para producir grava e area. O árido resultante está composto en máis dun 95% de carbonato cálcico, con trazas de compostos orgánicos e pequenas cantidades de sulfato e cloruro.

A primeira aplicación considerada foi a produción de formigón en masa. Os resultados amosan que utilizando un máximo do 25% ao 12,5% de cuncha de mexillón, segundo o tipo de áridos, o formigón mostra un comportamento correcto e, ao puírse, conséguese un interesante acabado estético con fragmentos vistos de cunchas mariñas.

Na segunda aplicación, os morteiros de revestimentos, o límite de substitución recomendado é tamén dun 25% de cuncha, aínda que no caso dos morteiros ligados con cal os cambios con maiores porcentaxes non son severos. A terceira aplicación foi o uso como material de recheo solto. As cunchas de mexillón confinadas dentro dun espazo pechado (unha caixa de madeira) teñen unha condutividade térmica similar á dunha madeira de conífera lixeira, polo que pode considerarse un material con baixa condutividade térmica. Ademais, o material mostra un comportamento acústico comparable ao doutros materiais illantes comercializados.

 

Edificio experimental

Este traballo de investigación naceu no marco do Proxecto Biovalvo “Valoración das cunchas bivalvos galegos no ámbito da construción”. O último paso deste proxecto foi a construción, no Campus de Elviña, dun edificio experimental que inclúe todos os materiais de construción descritos nesta investigación. Incluíronse cunchas de mexillón no teito, nas paredes, no chan e nos cimentos do edificio.

O tribunal do premio valorou especialmente a relevancia da investigación na nosa contorna, a súa novidade e aplicabilidade, así como o seu impacto na comunidade científica.

 

Entrega do premio 

A Cátedra Hijos de Rivera-UDC en Desenvolvemento Sostible actúa impulsando proxectos de investigación, docencia e transferencia do coñecemento na procura dun desenvolvemento sostible. Esta primeira edición do premio, que ten vocación de continuidade, distingue as mellores teses defendidas na UDC nos anos 2019 e 2020 nese ámbito. A dotación económica é de 5.000 euros.

A acreditación do premio será entregada no solemne acto do Día da Universidade (28 de xaneiro, día de San Tomé de Aquino) que se celebrará, se a situación sanitaria o permite, no Paraninfo da Reitoría (A Maestranza).

 

Foto: Carolina Martínez García diante do edificio experimental construído con cunchas de mexillón no Campus de Elviña.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC