Mariola Gil
Mariola Gil Lago nace en Narón (A Coruña) onde comeza os seus estudos Musicais dentro da Escola de Música do Padroado de Cultura. Posteriormente trasládase a diferentes Conservatorios da comunidade sendo no Conservatorio Superior de Música de Vigo onde finaliza os estudos superiores de clarinete. No ano 2002 realiza un Máster en Interpretación de clarinete na Universidade da Coruña impartido polos profesores Michel Letiec, Anthony Pay, Henri Bok, Hans Deinzer, Fabrizio Meloni e José Luís Estellés. Durante o curso 04/05 foi alumna de José Luís Estellés nos Cursos de Especialización Musical da aula de Música da Universidade de Alcalá de Henares. Forma parte de diferentes agrupacións como o Quidam Trío co que ademais de realizar numerosos concertos participan de forma continuada co grupo de monicreques Viravolta, realizando espectáculos teatro-musicais. Tamén colaborou en numerosas ocasións coa Orquestra de Cámara Galega ademais de tocar co pianista Genaro Fernández e a fagotista Patricia Castro. Na actualidade compaxina a súa actividade musical co posto de profesora de clarinete do Conservatorio Superior de Música da Coruña.