Bases dos premios de investigación

O Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña convocan os premios de investigación González Llanos, Concepción Arenal, Enxeñeiro Comerma e Antonio Usero de acordo coas seguintes bases:

  1. Os premios teñen como finalidade apoiar e impulsar os labores de investigación realizados,  no ámbito universitario e no mundo empresarial da Enxeñaría naval, as Humanidades, a Enxeñaría Industrial, a Saúde e as Ciencias do Traballo respectivamente.
     
  2. Estes premios terán carácter bianual. Nos anos pares serán convocados os premios de investigación González Llanos de Enxeñaría Naval e Concepción Arenal de Humanidades, e nos impares os premios de investigación Enxeñeiro Comerma de Enxeñaría Industrial e Antonio Usero de Saúde ou Ciencias do Traballo (en alternancia). Todos os premios, que serán indivisibles, están dotados con 12 000 euros, e o xurado poderá propor, de forma motivada, que sexan declarados desertos. Por outra banda, aplicaránselles as retencións que no seu caso estiveren previstas na normativa tributaria vixente.
     
  3. As solicitudes poderán presentarse ata o 31 de maio do ano correspondente a cada convocatoria a través do Rexistro Xeral da Universidade (r/ Maestranza s/n, 15001 A Coruña), do rexistro auxiliar de Ferrol (Avenida de Vigo s/n, 15403 Ferrol), do rexistro auxiliar de Elviña (Casa do Lagar, 15071 campus de Elviña, A Coruña) ou por calquera outro procedemento que contemple a Lei 30/92, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/99, de 13 de xaneiro de 1999.
     
  4. Poderán ser candidatos/as os/as investigadores/as ou equipos de investigación españois ou estranxeiros, do ámbito universitario ou empresarial, que desenvolvesen o seu traballo nas áreas obxecto destes premios.
     
  5. Os traballos deberán estar redactados en calquera das linguas que o Estatuto de Autonomía de Galicia sinala como oficiais no territorio desta comunidade autónoma (galego e castelán).
     
  6. O impreso de solicitude deberá ir acompañado dunha memoria explicativa do traballo realizado en que se especifiquen os obxectivos, a metodoloxía e as aplicacións prácticas dos resultados, o currículo dos candidatos e a aceptación das bases do premio. Achegaranse cinco copias de toda a documentación que acompañe o impreso.
     
  7. Xunto coa memoria estipulada nas bases xerais os candidatos poderán achegar no momento de presentaren a súa solicitude calquera outra documentación que estimaren oportuna para avalar a calidade dos traballos. Do mesmo xeito, deberán presentar cinco exemplares desta documentación.
     
  8. Os traballos deberán ser orixinais e inéditos, así como, en todo caso, representar un avance dentro do ámbito de coñecemento a que corresponderen. Enténdese por inéditos aqueles que non teñen NIPO (número de identificación das publicacións oficiais) ou ISBN (número de libro estándar internacional), agás que corresponder ao/a propio/a investigador/a.
     
  9. O xurado estará formado polos seguintes membros:
    . O/a alcalde/esa de Ferrol ou a persoa en quen delegar, que como presidente/a terá voto de calidade.
    . Dous/dúas especialistas de recoñecido prestixio no ámbito de investigación correspondente.
    . Dous/dúas investigadores/as da Universidade da Coruña pertencentes ao ámbito de investigación correspondente.
    . Un/ha representante do persoal da administración do campus de Ferrol que actuará como secretario/a, con voz mais sen voto.
     
  10. O fallo do xurado, que será inapelable, darase a coñecer antes do 30 de setembro do ano correspondente á convocatoria de cada premio; os premios poderán ser declarados desertos. A proclamación dos/das gañadores/as e a entrega dos premios terán lugar durante un acto público. As persoas gañadoras autorizan expresamente os organizadores a publicaren e divulgaren os seus nomes e apelidos no momento de se facer público o fallo.
     
  11. A documentación correspondente aos traballos que non foren premiados quedará á disposición dos seus autores durante un prazo máximo de tres meses a partir da data en que se fixer público o fallo do premio. Transcorrido este prazo a documentación que non for retirada será destruída.
     
  12. O Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña non poderán exercer os dereitos que lles correspondan sobre a propiedade científica dos traballos que resultaren premiados, nin publicar os traballos premiados sen a autorización expresa dos seus autores.
     
  13. O feito de se presentar a calquera destes premios supón a aceptación das presentes bases e que se cumpren os requisitos mencionados.
     
  14. Tanto a actuación do xurado como todos os demais aspectos do procedemento esgotarán a vía administrativa.