Regulamento interno

O regulamento por que se rexe esta institución, ditado pola Comisión mixta que preside o almirante xefe da Zona Marítima do Cantábrico e o reitor da Universidade da Coruña, consta dos seguintes artigos:
Art. 1. - A Cátedra Jorge Juan créase como órgano de relación institucional para temas culturais de promoción conxunta entre a Armada (Zona Marítima do Cantábrico) e a Universidade da Coruña, ao abeiro dos acordos de colaboración asinados entre as dúas institucións.
Art. 2. - Á fronte da cátedra existirá un director a quen corresponderá a execución dos acordos que adopte a Comisión mixta, sen prexuízo da capacidade de proposta a ela de cantas iniciativas se estimaren oportunas para o eficaz cumprimento dos fins da cátedra.
Art. 3. - O director da cátedra será un profesor numerario da Universidade da Coruña ou un militar de alta graduación da Armada, de xeito alternativo, por períodos dun curso académico, podendo recaer este posto nunha mesma persoa un máximo de dous cursos.
Art. 4. - O director da Cátedra Jorge Juan será designado conxuntamente polo reitor da Universidade da Coruña e polo almirante xefe da Zona Marítima do Cantábrico.
Art. 5. - A Zona Marítima do Cantábrico proporcionará as instalacións precisas nas súas propias dependencias e habilitará para sede das actividades da cátedra un local que se designará como Aula Jorge Juan.
Art. 6. - As actividades culturais para desenvolver entre a Armada e a Universidade cada curso académico, aprobadas, promovidas ou organizadas pola Comisión mixta, agruparanse anualmente como programación da Cátedra de Jorge Juan. Cando remate o curso redactarase unha memoria que se incorporará á documentación da Comisión mixta.
Art. 7. - As competencias do director da cátedra serán de tipo representativo e institucional, presidindo, por delegación do reitor e do almirante xefe da Zona Marítima do Cantábrico, aqueles actos culturais de organización conxunta.
Art. 8. - Será preceptivo un acto público de inauguración do curso académico, como presentación ou inicio das actividades previstas en que ser fará efectivo o nomeamento do director da cátedra. A forma e o tempo será acordada pola Comisión mixta.
Art. 9. - A promulgación deste regulamento será responsabilidade das dúas institucións (Armada e Universidade) no ámbito da súa competencia.