Información sobre os plans estratéxicos

A planificación estratéxica indícanos que accións hai que emprender para conseguir os fins (o que se quere lograr), tendo en conta a posición competitiva relativa en que nos achamos na actualidade así como as previsións e as hipóteses sobre o futuro.

A necesidade de elaborar un plan estratéxico ven dada por numerosas razóns entre as que podemos citar:

  • A necesidade de estarmos preparados diante das expectativas e das continxencias futuras
  • Tomarmos as medidas necesarias para a plena integración en Europa
  • Afrontarmos o descenso de matrícula
  • Potenciarmos ámbitos de especialización

Para conseguilo requírese dunha planificación eficaz, susceptible de ser actualizada cada vez que se modifiquen as circunstancias do contorno (flexible e actualizada), en que é recomendable a participación e o compromiso do maior número de persoas e niveis que fose posible.

É necesario que este plano sexa un documento vivo, que se consulte cada vez que se teña que tomar unha decisión importante e que teña un carácter global no que se inclúan plans a curto prazo. É dicir, un plan estratéxico debe ir seguido duns programas e duns plans de acción (aspectos estes moi unidos ós plans de mellora que resultan dos procesos de avaliación que se teñen realizado na UDC), duns recursos, duns sistemas de información, control e seguimento. Por último, a maior parte das informacións do plan teñen que ser divulgadas, xa que isto contribúe a mellorar a imaxe do centro, do departamento ou do servizo.