Estudos propios Posgrao

Os estudos propios de posgrao da UDC son ensinos organizados pola universidade ou en colaboración con outras institucións que, caso de superar as correspondentes probas de avaliación, conducen á obtención de títulos e diplomas exclusivos da propia UDC, que non teñen carácter oficial.

A UDC ofrece unha ampla selección de programas propios de posgrao de calidade, deseñados para complementar os planos de estudo vixentes co obxecto de mellorar a cualificación profesional e actualizar coñecementos, combinando o ensino académico coa práctica profesional.

A diversidade da oferta de estudos propios de posgrao (cobre unha extensa gama de ámbitos de estudo) pretende dar unha resposta actualizada ás necesidades de formación específica demandada por novos licenciados e profesionais con certa experiencia no mundo laboral. Algúns cursos incorporan nos seus programas a posibilidade de realizar prácticas en empresas e institucións españolas e comunitarias.

Nalgúns casos a modalidade de impartición é semipresencial, a distancia ou mesmo virtual (on-line) co obxecto de facilitar o acceso e compatibilizar o período formativo co desempeño laboral.