Este documento foi expedido en 1911 pola Escola de Comercio da Coruña, creada en 1850 e que se considera a antecesora da actual Facultade de Economía e Empresa. O diploma constitúe unha singularidade, por canto documenta a existencia dunha titulación, a de contador mercantil, que deixou de se denominar así a comezos do século XX, en favor doutras denominacións como a de perito mercantil. Na actualidade equivalería a un grao en Ciencias Empresariais.
Outra das curiosidades do documento é precisamente a do alumno beneficiario. Trátase de Eugenio Brocos Tojo, o terceiro dos fillos de Isidoro Brocos, profesor de Pablo Picasso na Escola de Artes e Oficios, ubicada no actual edificio do Instituto Eusebio da Guarda.
Eugenio Brocos tamén mostrou interese polas artes plásticas, se ben nunca chegou a cultivalas de xeito profesional.
Descrición física
Título: Título de contador mercantil
de Eugenio Brocos y Tojo
Data de creación: 3 de xullo de 1911
Volume e soporte: 1 diploma de 42,3x30,7 cm
en formato apaisado
Estado de conservación: bo