Este debuxo é obra de Hippolyte Lecomte e foi gravado posteriormente por Aubert. Lecomte foi un pintor oficial do Imperio francés e realizou numerosas ilustracións de batallas e campañas napoleónicas. Moitas das súas obras foron reproducidas en gravados para o público xeral, como é o caso desta, titulada Combat de la Corogne.
O 16 de xaneiro de 1809 librouse en Elviña unha batalla da Guerra da Independencia española, que forma parte das guerras napoleónicas. Enfrontáronse 14 000 soldados británicos a 20 000 franceses, comandados polo mariscal Soult. Os británicos lograron conter as forzas napoleónicas, pero perderon en combate o seu xeneral, Sir John Moore; soterrado no Xardín de San Carlos e homenaxeado cada ano na cidade.
Os estudosos cren que H. Lecomte puido acompañar o exército de Napoleón nos combates que tiveron lugar nas inmediacións da Coruña.
Descrición física
Título: Combat de la Corogne
Autor: Hippolyte Lecomte, 1809
Gravador: Aubert
Data de impresión: [1840/1860]
Volume e soporte: Gravado sobre papel,
de 47x32 cm, cunha marca de 20x16 cm
Estado de conservación: bo