O Consello de Avaliación Documental de Galicia é o órgano que propón á consellería competente en materia de arquivos e patrimonio documental os criterios para avaliar as series documentais xeradas polas universidades galegas. Forma parte do devandito consello unha persoa representante dos arquivos universitarios.
Pola súa banda, o Grupo de Traballo de Arquivos Universitarios está composto polo persoal dos arquivos das tres universidades. Este grupo de traballo encárgase de realizar propostas de identificación e avaliación das series documentais xeradas polas universidades galegas. Por serie documental enténdese un conxunto de documentos producidos dun xeito continuado como resultado dunha mesma actividade e baixo unhas normas de procedemento.
O resultado da avaliación son as Táboas de avaliación documental. Nelas determínase o destino dos documentos, que pode ser a súa conservación (indefinida ou durante un prazo de tempo) ou a súa eliminación. Os extractos das táboas publícanse no Diario Oficial de Galicia e son de obrigado cumprimento.