Programa de Formación Específica: "Novos retos en sustentabilidade"

Programa de Formación Específica
 
INTRODUCIÓN

O desenvolvemento sustentable é un enfoque que xorde a partir da necesidade de plantexar solucións ante problemas que afectan á humanidade e tradúcense na súa contorna. Problemas como a degradación do medio, a destrucción de ecosistemas, a pobreza extrema e mailo esgotamento de recursos.

Entendemos por Desenvolvemento Sostible: “aquel desenvolvemento que satisface as necesidades da xeneración presente sen comprometer a capacidade das xeneracións futuras para satisfacer as súas propias necesidades” (Informe Brundtland). Esta é a definición formulada pola Comisión Mundial sobre Medioambiente e Desenvolvemento da ONU, en 1987.

En función desta definición, o desenvolvemento sustentable ten que satisfacer as necesidades do presente, fomentando a actividade económica para que suministre os bens necesarios a toda a poboación mundial, priorizando as necesidades básicas dos países máis pobres e, ao mesmo tempo, debe ser capaz de satisfacer as necesidades do futuro, minimizando os efectos negativos da actividade económica, de tal xeito que a utilización sexa racional e sustentable para as próximas xeneracións.

En definitiva, a súa finalidade é a conservación e protección do medioambiente, mentras que os seus obxectivos prioritarios céntranse no uso racional dos recursos naturais e na protección dos ecosistemas mundiais.

Para acadar estes obxectivos é primordial a participación activa de todos os axentes implicados no proceso: os cidadáns mediante as mudanzas de hábitos e unha maior sensibilización cara o medioambiente, o ámbito científico que difunde coñecemento e traballa na proposta de solucións técnicas, e os organismos públicos poñendo en marcha ferramentas lexislativas e de cooperación internacional.

Progresivamente, o termo desenvolvemento sustentable ten ido tomando cada vez máis forza e será xa entrado o século XXI cando empece a se abordar a sustentabilidade desde múltiples perspectivas. Posto que podemos falar de desenvolvemento sustentable se existe un equilibrio entre os diversos factores que permiten satisfacer as nosas necesidades e, ao mesmo tempo, axudar a garantir a nosa calidade de vida, é preciso contemplar diversas dimensións: económica, social, medioambiental e a relativa a unha vida saudable.

  • Sustentabilidade Económica, que se refire á capacidade dun sistema económico para xerar un crecemento sustentable, ingresos e emprego para o sustento das persoas sen comprometer a capacidade de rexeneración dos ecosistemas.
  • Sustentabilidade Social, a capacidade de garantir as condicións de benestar humano (seguridade, saúde, educación) e a súa distribución igualitaria en función do xénero. É un tipo de sustentabilidade que mantén a cohesión dunha sociedade e a súa capacidade para apoiar aos seus membros no traballo conxunto para acadar obxectivos comúns, de forma paralela ás necesidades individuais de saúde e benestar, a alimentación axeitada, a vivenda, a expresión e a identidade cultural e o compromiso político.
  • Sustentabilidade Medioambiental, a capacidade de preservar no tempo as tres funcións principais dos ecosistemas: a función de provedores de recursos naturais, a súa capacidade para recibir e tratar residuos e contaminantes, e como fonte de recursos para o mantemento das condicións necesarias para a vida, o que implica preservar o capital natural.
  • Vida Saudable, a capacidade para xerar e difundir coñecemento sobre o que constitue unha cultura da saúde a través da promoción de hábitos de vida saudables, a xestión dun sistema de saúde sustentable, e o desenvolvemento e avaliación de intervencións preventivas e terapéuticas efectivas que melloren a calidade de vida en distintos grupos sociais segundo as súas características demográficas (de idade, xénero, culturais, etc.). Tamén aborda o estudo das características dos espazos e o seu impacto directo e indirecto sobre a saúde (ambientes restauradores e espazos públicos que promovan a recreación e a mobilidade activa).

XUSTIFICACIÓN DO PROGRAMA

O desenvolvemento sustentable e o coñecemento do impacto da actividade humana sobre o noso entorno téñense convertido en factores imprescindibles na sociedade actual, que teñen comezado a penetrar transversalmente na nosa actividade dende o propio sistema produtivo ata no noso xeito de vivir. Estudar o medioambiente, a súa xestión, o funcionamento dos seus procesos e cómo afectan aos seres vivos, e a rendibilidade que podemos extraer da súa conservación é de vital importancia hoxe en día. E por este motivo, a formación que a continuación presentamos e un programa de actividades académicas asentado sobre unha idea fundamental: a Sustentabilidade.

A denominación deste Programa de Formación Específica da Universidade Sénior centrarase no coñecemento e a divulgación dos “Novos retos en sustentabilidade”. Para iso, e baseándonos no noso Campus de Especialización, o Campus Sustentabilidade, preténdese contribuir a dar resposta a un dos grandes retos aos que se enfronta a sociedade como é o coidado do medioambiente e ao que a Universidade está obligada a respostar.

Seguindo a estrutura do Campus Sustentabilidade, centrarémonos nas súas áreas temáticas para o desenvolvemento dos contidos do programa: arquitectura, economía circular, sustentabilidade social, medioambiente e vida saudable.

A idea de por en marcha un Programa de Formación Específica pretende dar resposta á incesante demanda do alumnado que xa ten acadado o Título de Graduado Sénior que, aínda que permanece vencellado á oferta académica da Universidade Sénior, reclama unha vía máis estruturada que permita dar unha continuidade ás súas inquedanzas formativas. Para iso, proponse a creación dun novo programa.

 

CARACTERÍSTICAS BÁSICAS DO PROGRAMA DE FORMACIÓN ESPECÍFICA

Condicións de acceso:

  • A única condición de acceso ao programa será estar en posesión do Título de Graduado Sénior pola Universidade da Coruña, ou título equivalente ao Graduado Sénior, expedido por outro programa universitario para maiores do estado español.

Lugar de impartición:

  • Sede da Universidade Sénior na Coruña.

Plano de estudos:

O programa de continuidade que se propón consta dun único curso académico cunha duración de 30 semanas (outubro-maio). O alumnado cursará 9 materias obrigatorias organizadas en tres módulos, cunha duración cada un deles de 10 semanas, ata completar un total de 90 horas anuais = 9 créditos.

As materias pertencen ás tres grandes ramas de coñecemento:

  • Humanidades e Ciencias Sociais
  • Ciencia e Tecnoloxía
  • Ciencias da Saúde

Os tres módulos nos que se estrutura o programa son os seguintes:

  • Módulo I. Sustentabilidade Económica e Social
  • Módulo II. Sustentabilidade Ambiental
  • Módulo III. Vida Saudable

A dedicación dos alumnos e alumnas será de 3 horas semanais ao longo de todo o curso académico.

 

MATRÍCULA:
  • Preinscrición online: do 7 ao 16 de xuño
  • Sorteo público de prazas: 18 de xuño
  • Matrícula online: do 19 ao 21 de xuño

 

Acceso a preinscrición e matrícula