Seguridade no posto informático de traballo

Manten os sistemas actualizados

  • Mantén actualizado o software dos teus dispositivos: configura o sistema operativo e as aplicacións para que te avisen cando haxa unha actualización.
  • Estas actualizacións son moi habituais no sistema operativo, os navegadores web, o lector de documentos PDF e Java.
  • Instala as actualizacións en canto poidas.
  • Se o teu ordenador o xestiona o Servizo de Informática e Comunicacións (SIC), xa estará configurado para adoptar todas as actualizacións necesarias. Se non é así, deberás encargarte ti mesmo/a.

Impide accesos non autorizados

  • Configura un sistema de control de acceso ao teu ordenador: usuario + contrasinal, pegada dixital...
  • Configura o teu ordenador para que se bloquee tras 15 minutos de inactividade. En sistemas Windows podes usar a combinación de teclas Windows + L.
  • Bloquea manualmente o teu ordenador cando te ausentes.
  • Configura un PIN de seis díxitos para desbloquear o teu móbil.

Manexa a información con seguridade

  • A información da UDC só debería almacenarse en servidores corporativos ou en servizos na nube corporativos, actualmente a nube de Microsoft, ou noutros servizos de computación na nube que conten cun contrato no que se inclúan as cláusulas que prevé a lexislación vixente.
  • Os dispositivos que abandonen as instalacións da UDC deben estar inventariados e, se manexan información sensible, deben usar técnicas de cifraxe. Comunica inmediatamente ao CAU calquera incidencia, como roubo ou extravío.
  • Non deixes documentos desatendidos no teu posto de traballo.
  • Se a impresora está nunha zona común, ao imprimir algún documento, recólleo canto antes.

Consellos no uso de ordenadores portátiles

  • Utiliza un contrasinal robusto para o inicio de sesión no portátil e bloquee o equipo sempre que te ausentes.
  • Custodia axeitadamente o equipo. Evita deixalo en lugares non vixiados.
  • Cifra o disco duro para impedir a divulgación da información que conteña no caso de roubo ou perda. Esta medida de seguridade é obrigatoria no caso de que o equipo conteña datos persoais de categoría especial.
  • Sincroniza no disco do dispositivo soamente os arquivos da nube que necesites. Lembra que o servizo de nube corporativa na UDC é Microsoft 365 e que o uso doutros servizos deste tipo está supeditado á existencia dun contrato que inclúa as cláusulas necesarias para cumprir a lexislación vixente.
  • Non gardes os contrasinais importantes nos navegadores e, en ningún caso, o da conta corporativa da UDC.
  • Establece un contrasinal para o uso dos certificados electrónicos instalados no equipo. Deste xeito, evitarás que poidan usurpar a túa identidade no caso de perda ou roubo do equipo.
  • En caso de perda ou roubo, notifícao canto antes enviando un correo electrónico a dpd@udc.gal ou seguridade.informacion@udc.gal .