O proxecto Censo do patrimonio marítimo inmoble de Galicia xorde das necesidades detectadas na investigación iniciada no ano 2021, que deu lugar ao documento base do Plan da Cultura Marítima de Galicia (PCUMA): a necesidade urxente e compartida en toda a costa galega de dispoñer dun inventario do patrimonio marítimo inmoble realizado coa rigorosidade dunha investigación profunda (proxecto 34 PCUMA).
O Censo é unha ferramenta pública, aberta e en constante actualización, que permite localizar, describir e documentar os bens inmobles vinculados á cultura marítima ao longo do litoral galego. O acceso ao Censo realízase a través dun visor interactivo que xeorreferencia os elementos inventariados, ofrecendo unha visualización territorial clara e intuitiva. Trátase dun inventario activo que integra todo o traballo realizado. Dos aproximadamente 2.000 bens de patrimonio marítimo inmoble existentes, o inventario céntrase en preto de 1.500 bens das categorías arquitectónica, etnolóxica e industrial, por seren as máis vencelladas á cadea mar-industria, pola súa relevancia paisaxística e cultural, ou por incorporar o mar como elemento que estrutura a súa configuración espacial e funcional. Os bens de carácter militar e arqueolóxico serán incorporados en fases posteriores.
Este proxecto, pioneiro en Galicia, permite por primeira vez unha documentación unificada do patrimonio marítimo inmoble, establecendo relacións espaciais e temáticas entre os elementos que conforman esta cultura. Un dos seus logros máis destacados é a incorporación de 919 bens inéditos, resultado dunha intensa labor investigadora.
O patrimonio marítimo inmoble como obxecto de estudo
A configuración da costa galega e a súa tradición mariñeira condicionaron historicamente a localización das infraestruturas vencelladas ao mar, conformando paisaxes culturais únicas. Estes bens inmobles, resultado dos oficios da cadea mar-industria e doutras actividades marítimas, forman parte dun patrimonio que non pode entenderse de forma illada, senón dentro das redes socioeconómicas que o xeraron.
O patrimonio marítimo inmoble é expresión material da cultura marítima galega e símbolo da identidade das comunidades litorais. O seu estudo permite comprender de maneira integrada os aspectos sociais, culturais e económicos do sistema territorial costeiro de Galicia.
Obxectivos do Censo
O Censo busca combinar a investigación científica co acceso público e participativo ao patrimonio marítimo galego. Os seus principais obxectivos son:
- Crear unha base de datos representativa do patrimonio marítimo inmoble, útil para institucións e cidadanía, que facilite o estudo, conservación e posta en valor deste patrimonio.
- Recuperar a memoria das comunidades litorais, contextualizando cada elemento e mostrando a evolución do patrimonio, reforzando a identidade colectiva galega.
- Analizar a relación entre patrimonio e territorio, estudando como a cadea mar-industria transformou o litoral galego e influíu na configuración das paisaxes costeiras.
- Difundir o proxecto mediante unha web multilingüe con visores interactivos e buscadores dinámicos que permiten explorar os bens inventariados de forma accesible.
Estrutura metodolóxica:
O Censo baséase nunha metodoloxía de investigación sólida desarrollada en sete fases principais:
- Recompilación documental: revisión de máis de 10 inventarios previos, libros especializados, arquivos e hemerotecas para preservar o coñecemento existente e consolidar unha visión integral do legado marítimo galego.
- Inspección do borde litoral: análise detallada do territorio mediante microtoponimia, cartografía dixital e comparación de ortofotografías históricas e actuais.
- Mapeado da costa: máis de 24.000 km percorridos entre 2024 e 2025, con traballo de campo sistemático, rexistro fotográfico (cámara e dron), xeorreferenciación garantindo a representatividade e precisión dos datos recompilados para a súa posterior análise e catalogación; e recollida de testemuños de informantes clave do territorio e testemuños orais locais.
- Reflexión teórica: creación dun Comité científico multidisciplinar de sete persoas expertas que celebran reunións periódicas para reflexionar conxuntamente sobre definicións conceptuais, categorías patrimoniais e tipoloxías e criterios de catalogación. Ademais dun traballo individual que inclúe a achega de información e bibliografía especializada, así como a revisión detallada, por tramos, de todo litoral galego (Ver máis información sobre o Comité Científico no apartado de Documentación).
- Estudo de tipoloxías: reflexión e estudo para a identificación de 76 tipoloxías que se agrupan en categorías patrimoniais: patrimonio marítimo arquitectónico (25), etnolóxico (33) e industrial (18), segundo a Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia. Os bens do patrimonio marítimo militar e arqueolóxico abordaranse nunha fase posterior.
- Listado de elementos patrimoniais: inventario de 452 bens, incluíndo elementos inéditos e outros xa catalogados, como estaleiros, faros, conserveiras ou carpintarías de ribeira. A cifra total de bens do patrimonio marítimo inmoble é de aproximadamente 2.000 bens, ao incorporar os militares (77) e arqueolóxicos (392).
- Inventariado: Créase un modelo de ficha normalizado que inclúe detalladamente todos os aspectos a considerar para a correcta definición e catalogación do ben:
- Datos básicos: ortofoto histórica e actual, fotografía histórica e actual, coordenadas, datos catastrais, normativa aplicable e criterios para a súa inclusión no Censo.
- Cartografía de localización elaborada coa intencionalidade de transmitir non so as características xeométricas do ben, se non as particularidades do seu contexto e como é a súa relación co mar e a importancia que ten.
- Datos descritivos, usos pasados e presentes, datación e reseña histórica do ben, así como o seu estado de conservación.
- Compilación de varias imaxes actuais do ben que axudan a describir con detalle o seu estado actual e o do seu entorno.
- Contextualización no Catálogo do Patrimonio Cultural do Plan Básico Autonómico, para a coordinación posterior entre administracións.