O Comité Científico está composto por expertos recoñecidos en diversas disciplinas relacionadas co patrimonio marítimo e cultural de Galicia. A súa labor é garantir o rigor académico e técnico do censo, contribuíndo coa súa experiencia e coñecementos á elaboración do censo.
Metodoloxía de traballo do Comité Científico
O Comité Científico aplica unha metodoloxía de traballo orientada a garantir o rigor, a coherencia e a calidade do Censo do Patrimonio Marítimo Inmoble de Galicia.
A súa participación estrutúrase nas seguintes fases:
1. Coordinación e planificación
Cada experto/a participa en catro obradoiros de debate convocados polo PCUMA, onde se establecen as directrices comúns, os criterios metodolóxicos e o reparto territorial do traballo. Estas sesións permiten coñecer o estado xeral do proxecto e coordinar as actuacións co resto do equipo.
2. Revisión técnica e validación de bens
Revisión do listado de bens asignados á súa zona de estudo, contrastando a información recollida polos técnicos do PCUMA. Esta revisión abrangue:
• A comprobación da localización, tipoloxía e descrición de cada ben.
• A avaliación da súa relevancia patrimonial e estado de conservación.
•A detección de erros, duplicidades ou omisións.
3. Propostas de novos bens e revisión in situ
O Comité ten tamén a responsabilidade de propoñer a incorporación de novos bens non incluídos inicialmente no Censo, fundamentando cada proposta mediante referencias bibliográficas, cartográficas ou testemuñais. Sempre que sexa posible, realizaranse visitas de campo selectivas a determinados bens ou conxuntos patrimoniais, co obxectivo de contrastar información, avaliar o seu estado e obter documentación fotográfica complementaria.
4. Aportación teórica e documental
Cada membro contribúe co seu coñecemento especializado mediante: A achega de bibliografía e fontes documentais relevantes, e participación na definición conceptual e tipolóxica dos bens e categorías patrimoniais.
5. Avaliación e síntese final
Unha vez completada a revisión individual, realízase unha sesión colectiva de avaliación, na que se contrastan as observacións persoais, se consensúan os criterios de inclusión e se validan as actualizacións finais do Censo.