O Censo do Patrimonio Marítimo Inmoble centra a súa atención en preto de 1.500 bens pertencentes ás categorías de patrimonio marítimo arquitectónico, etnolóxico e industrial, por seren as máis estreitamente vencelladas aos oficios tradicionais da cadea mar-industria, pola súa relevancia paisaxística e cultural, ou por incorporar o mar como elemento estruturante da súa configuración espacial e funcional.
Esta iniciativa documenta un total de 1.452 bens, dos cales 919 son inéditos, resultado dun proceso exhaustivo de análise, catalogación e investigación rigorosa, desenvolvido polo equipo técnico do PCUMA, composto por sete profesionais, e avalado polo Comité Científico do proxecto, integrado por sete persoas expertas de recoñecido prestixio en ámbitos directamente vinculados co patrimonio marítimo e cultural de Galicia.
Pola súa banda, o patrimonio marítimo militar e arqueolóxico, que reúne arredor de 500 bens adicionais segundo o PBA (Plan Básico Autonómico), está previsto para unha fase posterior do proxecto, que permitirá completar unha visión máis ampla e integradora do conxunto do patrimonio marítimo inmoble galego.
En conxunto, estímase que o Censo abrangue arredor de 2.000 bens vinculados coa cultura marítima galega, configurando unha
base documental sen precedentes para o seu coñecemento, estudo e conservación.