Axudámosche a transformar a túa idea en empresa

Apoiamos a creación de Empresas Baseadas en Coñecemento (EBCs) ou spin-offs, que permiten trasladar os resultados da investigación ao mercado, favorecendo a innovación. A UDC colabora co persoal investigador en todas as fases do proceso de creación dunha empresa, desde a idea inicial até a súa constitución formal.

Información clave

É unha entidade empresarial creada a partir do coñecemento xerado nas universidades ou centros de investigación. A súa actividade principal céntrase na explotación dos resultados de investigación, desenvolvemento e innovación. As EBC nacen coa finalidade de dar continuidade aos avances académicos e tecnolóxicos mediante a súa aplicación práctica no mercado, aproveitando patentes, modelos de negocio ou servizos derivados da investigación realizada na institución.

 

Estas empresas teñen un forte vínculo coa universidade ou centro de investigación, xa que están participadas polo persoal investigador ou outros membros da institución, como o persoal docente ou técnico. A súa creación está ligada ao obxectivo de transferir o coñecemento xerado no ámbito académico á sociedade e á economía. Para iso, as EBC explotan patentes, licenzan innovacións, ou ofrecen produtos e servizos de alto valor engadido.

O proceso implica varias etapas: desde a concepción da idea e a elaboración do plan de negocio, pasando pola xestión da propiedade intelectual, até a constitución legal da empresa. Na OTC asesoramos e acompañamos á persoa emprendedora durante todo o proceso.

Apoiámoste na creación de EBC a través de asesoramento na xestión de propiedade intelectual, no desenvolvemento do plan de negocio, na tramitación de documentación ante a UDC, e na busca de financiamento e axudas.

Normativa e procedementos