Introdución: ¿Qué é o ECTS?

A Comunidade Europea promove a cooperación entre universidades co fin de mellorar a calidade do ensino en beneficio do estudantado e dos centros de educación superior, e considera a mobilidade do estudantado como un elemento esencial desta cooperación. As estadías no estranxeiro constitúe unha experiencia particularmente enriquecedora non só porque resulta a mellor maneira de descubrir países, ideas, linguas e culturas diferentes, senón que constitúen ademais un activo importante e cada vez máis valioso na evolución das carreiras universitarias

O recoñecemento dos estudos e dos títulos establecese como unha condición previa para a creación dun espazo aberto europeo en materia de educación e de formación en que o estudantado e o profesorado poidan desprazarse sen obstáculos. Con este fin desenvolveuse o Sistema Europeo de Transferencia de Créditos (ECTS, nas súas siglas en inglés), en forma de proxecto piloto no marco do programa Erasmus, co obxectivo de facilitar o recoñecemento académico dos estudos cursados no estranxeiro. Despois de se demostrar de maneira concluínte, grazas á avaliación externa do ECTS, as posibilidades que ofrece o sistema, a Comisión Europea decidiu integrar o ECTS no programa Sócrates, en concreto dentro do capítulo I, consagrado á educación superior (Erasmus). Despois de finalizar a fase piloto, de aplicación limitada, o ECTS ábrese agora a unha utilización moito máis ampla como un elemento da dimensión europea na educación superior.

O ECTS constitúe un instrumento en favor da transparencia, destinado a establecer as condicións necesarias para a aproximación entre os centros e a ampliar a gama de opcións que se ofrecen ao estudantado. A súa aplicación polos centros facilita o recoñecemento dos resultados académicos do estudantado grazas á utilización de sistemas de ponderación que poden ser comprendidos por todos - créditos e cualificacións - e permite un mellor coñecemento dos sistemas nacionais de ensino superior. O ECTS baséase en tres elementos básicos: a información sobre os programas de estudos e os resultados dos estudantes, o acordo mutuo entre os centros asociados e os estudantes, e a utilización de créditos ECTS, uns valores que representan o volume de traballo efectivo do estudante.

Principais Características do ECTS

Como anunciabamos na introdución, o ECTS baséase en tres elementos básicos: a información sobre os programas de estudos e os resultados do estudantado, o acordo mutuo entre os centros asociados e o estudantado e a utilización de créditos ECTS, uns valores que representan o volume de traballo efectivo do estudantado. Estes tres elementos básicos fanse operativos por medio de tres documentos chave: o catálogo informativo, o formulario de candidatura/ contrato de estudos e a certificación académica. Mais o aspecto esencial do ECTS é a participación do estudantado, do profesorado e dos centros que desexan que os estudos no estranxeiro se recoñezan como parte integrante dos programas de estudos. En si mesmo, o ECTS non determina en ningún modo nin o contido nin a estrutura, nin a equivalencia dos programas de estudos. Son estas as cuestións cualitativas que deben regular os propios centros de ensino superior ao establecer, por medio de acordos bilaterais ou multilaterais, as bases dunha cooperación adecuada. O ECTS constitúe un código práctico que ofrece ás persoas interesadas os instrumentos necesarios para crear condicións de transparencia e facilitar o recoñecemento académico.

O recoñecemento académico pleno é unha condición sine qua non para a mobilidade estudantil no marco dos programas Erasmus/Sócrates. Isto supón o recoñecemento de que o período de estudos no estranxeiro (incluídos os exames e outras formas de avaliación) equivale efectivamente a un período de estudos comparable (incluídos os exames e outras formas de avaliación) no centro de orixe, a pesar das posibles diferenzas de contido dos programas.

O ECTS baséase no seu carácter voluntario e na confianza mutua , desde o punto de vista académico, entre os centros asociados. Cada centro elixe os seus propios socios.

Transparencia

O ECTS garante a transparencia mediante os seguintes instrumentos:

• Os créditos ECTS representan, en forma dun valor numérico asignado a cada unidade de curso, o volume de traballo que o estudante debe realizar para superar cada unha delas. Traducen o volume de traballo que cada unidade de curso require en relación co volume total de traballo necesario para completar un ano de estudos no centro, é dicir, leccións maxistrais, traballos prácticos, seminarios, períodos de prácticas, traballo de campo, traballo persoal - en bibliotecas ou no domicilio - así como os exames ou outros posibles métodos de avaliación. Así pois, o ECTS baséase no volume total de traballo do estudantado e non se limita exclusivamente ás horas de asistencia. No marco do ECTS, 60 créditos representan o volume de traballo dun ano académico. Por regra xeral, 30 créditos equivalen a un semestre e 20 créditos a un trimestre de estudos.

• O catálogo informativo ECTS proporciona ao estudantado e ao persoal docente informacións útiles sobre os centros, as facultades e os departamentos, a organización e a estrutura dos estudos, así como sobre as unidades de curso.

• O contrato de estudos ECTS describe o programa de estudos que o estudante deberá seguir, así como os créditos ECTS que se lle concederán despois de cumprir as condicións requiridas. Neste contrato, o estudante comprométese a cursar estudos no estranxeiro como parte integrante da súa educación superior, o centro de orixe a garantir o recoñecemento académico pleno dos créditos obtidos no estranxeiro e o centro de acollida a impartir as unidades de curso acordadas, respectando o calendario.

• A certificación académica ECTS presenta de maneira clara, completa e facilmente transferible entre as dúas institucións, os resultados académicos do estudante.

Para facilitar o recoñecemento académico dos estudos emprendidos ou completados no estranxeiro precísase ademais un alto grao de comunicación e de flexibilidade. A este respecto, os coordinadores ECTS están chamados a desempeñar un papel decisivo na súa calidade de responsables principais dos aspectos académicos e administrativos do ECTS.

En principio, o estudantado acollido ao sistema debe ter acceso á totalidade das materias do departamento, da facultade ou do centro que utiliza o ECTS, incluídas as materias de doutoramento. Estes estudantes deben cursar unidades de curso regulares - non cursos expresamente concibidos para eles - e débeselle ofrecer a posibilidade de satisfaceren as esixencias que require o centro de acollida para a obtención dun título ou diploma. A utilización de créditos ECTS garante a organización de programas razoables en canto ao volume de traballo ao longo do período de estudos no estranxeiro. Por exemplo, un estudante que, para configurar o seu programa de estudos, seleccionar unidades de curso por un valor de 120 créditos ECTS por ano académico deberá traballar o duplo que un estudante medio do centro de acollida, mentres que un estudante cuxo programa de estudos sumar 30 créditos ECTS por ano académico asumirá un volume de traballo dúas veces menor que o dun estudante medio local e estaría, na realidade, a cursar estudos a tempo parcial.

O ECTS permite ao mesmo tempo ao estudantado proseguir os seus estudos no estranxeiro. En efecto, é posible que este, despois de concluír o período de estudos, non desexe regresar ao centro de orixe e prefira permanecer no centro de acollida - posiblemente para obter un título – ou mesmo optar por unha estadía nun terceiro centro. Son os propios centros quen deben decidir ao respecto e fixaren as condicións que ten que cumprir o estudantado para obter un título ou transferir o seu rexistro de matrícula. Para este fin, é de especial utilidade a certificación académica, que ofrece un historial dos resultados académicos do estudantado e facilita a toma de decisións por parte dos centros.