Visita dos clústeres galegos ao CITEEC

25/03/26 11:40

O ciclo de visitas de UDC Conecta continúa no ámbito da edificación e da enxeñaría civil

O Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) acolleu onte, 24 de marzo, a segunda das visitas promovidas pola Oficina de Transferencia de Coñecemento da Universidade da Coruña dentro do programa UDC Conecta.

Este ciclo está orientado a facilitar o contacto directo entre os clústeres galegos e os centros de investigación da UDC, co fin de dar a coñecer as súas capacidades científico-técnicas e abrir novas vías de colaboración co tecido empresarial.

Nesta sesión participaron representantes de entidades como Ageinco (Asociación Clúster de Empresas de Enxeñaría, Consultoría e Servizos Tecnolóxicos de Galicia), Antea Group, Fundación OPTI e Russula., que puideron achegarse ao traballo desenvolvido no centro.

A xornada permitiu coñecer de primeira man as infraestruturas e proxectos de investigación do CITEEC, combinando a presentación de liñas científicas cun espazo de intercambio entre persoal investigador e representantes empresariais, orientado á identificación de intereses comúns.

O programa de visitas continuará nas vindeiras semanas con novas sesións no CITENI (8 de abril) e no CITIC (24 de abril), e concluirá cun encontro no Servizo de Apoio á Investigación (SAI) o 14 de maio.

Estas accións inscríbense na estratexia de colaboración impulsada pola Universidade da Coruña xunto cos clústeres galegos a través de UDC Conecta, unha iniciativa que busca reforzar a transferencia de coñecemento e a conexión entre investigación e empresa.

Fotografías da visita

Publicado por: Oficina de Transferencia de Coñecemento