A Coruña, 15 de abril de 2021.- Un equipo de investigación da Universidade da Coruña traballan desde o pasado mes de novembro nun proxecto para medir o dióxido de carbono (CO2) nos seus espazos, coa instalación de medidores nas súas instalacións para monitorizar o nivel de concentración de CO2 en diferentes dependencias universitarias como aulas ou bibliotecas, coa fin de garantir espazos de estudo e traballo seguros.
O proxecto, coordinado polo Adxunto do reitor para Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, Carlos Escudero, catedrático da área de Teoría do Sinal e Comunicacións do departamento de Enxeñaría de Computadores, conta coa colaboración do Servizo de Informática e Comunicacións, o Servizo de Prevención de Riscos Laborais e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC) a través dun proxecto COVID de GAIN (CEDCOVID, Ciencia e Enxeñaría de datos para a avaliación, predición poboacional e personalizada da evolución da enfermidade COVID-19).
A Universidade da Coruña é a primeira de Galicia, e das primeiras de España, en instalar medidores nos seus espazos, dentro dun proxecto de investigación de Intelixencia Artificial (IA) co desenvolvemento de técnicas de monitorización e modelos por parte dos propios investigadores, como unha forma tamén de experimentación que serva de exemplo ao resto da sociedade.
A Universidade instalou 60 medidores de interior (e referencias exteriores) e conta cunha infraestrutura de rede que permite rápidas redistribucións das zonas de medición en base a campañas nos diferentes campus e edificios concretos. Para este proxecto, adquiríronse medidores de CO2 de última xeración. A información proporcionada recóllese de forma centralizada para establecer patróns e poder actuar en tempo real a través de sistemas de comunicación da Internet das Cousas (IoT).
A medición de dióxido de carbono é clave para controlar a calidade do aire e a concentración de aerosois provocados pola Covid-19 en recintos pechados. En opinión dos investigadores do proxecto, e sen que haxa aínda conclusións definitivas da investigación, a medición de CO2 “é una medida que vén para quedarse”, non só polo tema relacionado coa Covid-19, senón por temas de eficiencia enerxética e tamén pola influencia do dióxido de carbono no estudo “xa que con niveis altos de CO2 a atención diminúe” polo que dificulta a concentración necesaria para estudar.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC