Último día para inscribirse no Seminario Internacional de Investigación e Divulgación que contará coa participación de Mario Vargas Llosa

Nota de prensa
14/03/19 13:42
  • Institucional

A Coruña, 14 de marzo de 2019.- Mañá, venres 15 de marzo, finaliza o prazo de inscrición do Seminario Internacional de Investigación e Divulgación que contará coa participación do Premio Nobel de Literatura Mario Vargas Llosa.

O seminario, organizado pola Universidade da Coruña, terá lugar no Paraninfo da Reitoría (A Maestranza) o día 22 de marzo en horario de 9:15 a 14:00 horas. Para asistir é necesario inscribirse no teléfono 881 011 172 ou na dirección de correo electrónico oficina.protocolo@udc.gal.

A xornada será aberta ao público tendo preferencia os membros da comunidade universitaria -estudantado, profesorado e persoal de administración e servizos- para o que, no momento de facer a inscrición, deberán dar o seu nome e apelidos, DNI e centro ao que pertencen, así como o correo electrónico institucional (dominio udc).

O seminario dará comezo coa apertura oficial a cargo do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e a decana de Filoloxía, María Jesús Lorenzo Modia, e continuará coas  intervencións dos catedráticos Concepción Reverte, Madeleine Gladieu, Roy Boland e Efraín Kristal e do escritor e xornalista Juan Cruz, que analizarán a obra de Vargas Llosa. Ao término das mesmas, a decana da Facultade de Filoloxía, catedrática de Lingua e Literatura Inglesa, María Jesús Lorenzo, realizará unha entrevista ao Premio Nobel coa que procederase á clausura do encontro.

Mais información e detalles do programa na seguinte ligazón: https://www.udc.es/gl/filo/actualidade/2019/mvl/

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC