UDCbigbang presenta na Facultade de Ciencias a táboa periódica xigante

Nota de prensa

30/04/19 12:11

  • Institucional

A Coruña, 30 de abril de 2019.- O vindeiro xoves, 2 de maio, o salón de actos da Facultade de Ciencias acollerá ás 12:00 horas a presentación da táboa periódica xigante realizada pola asociación UDCbigbang.

Os actos comezarán no vestíbulo da Facultade cunha visita guiada a cargo dos membros de UDCbigbang á táboa con explicacións da súa construción e das mostras que recolle. Media hora máis tarde será a inauguración formal do proxecto, na que participarán Margarita Amor, vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria; Ignacio Delgado, presidente da Asociación UDCbigbang; Xesús Mosquera, representante do Servizo de Normalización Lingüística; Cristina Naya, coordinadora da Unidade de Divulgación Científica e Cultural da UDC;  e Federico Pomar, vicedecano de Infraestruturas da Facultade.

O acto concluirá coa charla, ás 13:15h. “A orde é unha fantasía” de Déborah García Bello, sobre os elementos da táboa periódica.

UDCbigbang é unha asociación de alumnos da Universidade da Coruña fundada en 2014. Ten como obxectivos achegar a Ciencia ao público en xeral, nenos e maiores, e facela máis amena tanto a aqueles que teñen algunha relación con ela como aos que non. A presentación de mañá está aberta a todos os interesados.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC