Retos sociais, éticos, laborais e educativos da IA no taller de HumanIA UDC

Nota de prensa

24/04/24 8:11

  • Institucional
  • A experta en asesoramento tecnolóxico e diversidade, Cristina Aranda, insistiu na necesidade de que a IA sexa xusta e inclusiva.

 

A Coruña, 24 de abril de 2024.- Onte á tarde celebrouse o cuarto taller de HumanIA  UDC, ciclo formativo organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da Universidade da Coruña en colaboración co Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC).

A consultora de tecnoloxía, data, IA e transformación cultural e asesora sobre tech e diversidade, Cristina Aranda Gutiérrez, foi a encargada de impartir o taller sobre “Perfís profesionais: humanidades e IA” no que convidou a reflexionar sobre como a IA pode ser xusta e inclusiva e por que é fundamental que o sexa; como debemos abordar os retos sociais, éticos, laborais e educativos que conleva esta tecnoloxía. Neste contexto, a cofundadora de Big Onion e tamén de Mujeres Tech, asociación que promove iniciativas para impulsar a presenza feminina en diferentes postos de ámbito dixital, convidou a realizar a necesaria transferencia de tecnoloxía e abordar de maneira efectiva a cooperación dos diferentes perfís profesionais e persoais.

O taller enmárcase no ciclo formativo ‘HumanIA UDC: O desafío para as Humanidades en tempos da Intelixencia artificial ’, lanzado o pasado mes de setembro, e que ten como obxectivo mostrar o impacto e potencia da Intelixencia Artificial nos estudos e  postos de traballo relacionados coas Humanidades. 

Ata o momento, máis de 400  asistentes participaron nos talleres de HumanIA,  nos que se abordaron tamén a regulación da Intelixencia Artificial e casos de uso no mercado laboral de Chat GPT e outras aplicacións.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC