Propoñen converter as bibliotecas en espazos abertos ás novas necesidades do alumnado, na reunión do reitor na Escola de Arquitectura

Nota de prensa
4/03/19 20:41
  • Institucional

A Coruña, 4 de marzo de 2019.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e a vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria, Margarita Amor, reuníronse o pasado 21 de febreiro coa comunidade universitaria da Escola Técnica Superior de Arquitectura, dentro da rolda de contactos que o equipo de goberno da UDC establece todos os cursos en todos os centros.

O reitor comezou a reunión lamentando o recente pasamento do profesor desta escola Manuel Franco Taboada, así como valorou a concesión do Premio Nacional de Arquitectura ao docente Manuel Gallego Jorreto. “É unha honra para o noso Claustro contar cun arquitecto con dous premios nacionais”, manifestou Abalde quen de seguido comentou os proxectos que está a desenvolver o seu equipo, vinculados cos obxectivos marcados no inicio de mandato. Revisar e actualizar a oferta académica así como implantar novas titulacións; potenciar a investigación, sobre todo as convocatorias de proxectos internacionais e aumentar a internacionalización da universidade. No que respecta á investigación, froito dun maior apoio aos grupos de investigación o ano pasado acadouse un récord de solicitudes de proxectos europeos así como en fondos conseguidos con máis de dous millóns de euros. Neste  tempo tamén se puxo en marcha o programa de captación de talento investigador InTalent da UDC e a empresa Inditex coa incorporación de investigadores de nivel internacional de moi alto nivel. Sobre o incremento de alumnado estranxeiro, potenciáronse os convenios de mobilidade bilateral e os itinerarios de docencia en inglés para atraer máis alumnado foráneo conseguindo incrementar tanto o número de alumnado de intercambio como o que vén realizar toda a titulación, aínda que no caso dos graos ten a dificultade adicional do acceso á universidade.

Todo isto foise organizando arredor dos campus de especialización, que se estableceron de resultas de determinar as áreas en que a UDC é máis representativa. Os campus de especialización engloban actividades desenvolvidas nestas tres áreas: docencia, investigación e internacionalización. O Campus Industrial, en Ferrol, leva xa dous anos implantado con moi bos resultados e agora están recentemente implantados na Coruña o Campus Sustentabilidade e o Campus Innova. O Campus Sustentabilidade concretouse pola fortaleza da UDC en materia da sustentabilidade desde un punto de vista de medio ambiente e organización do territorio pero tamén no referente á calidade de vida e economía circular. A UDC é a única universidade no norte de España cunha importante oferta de titulacións na área da edificación e da construción como Estudos de Arquitectura, Arquitectura Técnica, Enxeñaría Civil, Enxeñaría de Obras Públicas, Enxeñaría Naval e Océanica e Enxeñaría Industrial.

Polo que respecta ao Campus Innova está relacionado coas tecnoloxías TIC, con tres liñas: InnovaTIC, InnovaTech e InnovaHumanitas.

Agora estamos, dixo o reitor, “no momento de maduración de todos os procesos”. As novas propostas de titulacións están vinculadas ás especializacións propostas. O Grao en Xestión Industrial da Moda, primeiro do Sistema Universitario Galego multilingüe en inglés, e o Grao Dual en Enxeñaría Eléctrica, primeiro dual do SUG, no Campus Industrial; o Grao en Paisaxe, primeiro interuniversitario de Galicia cos dous primeiros cursos no Campus de Lugo e os dous últimos na Escola de Arquitectura, vencellado ao Campus Sustentabilidade; e o Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos, o Grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos e o Grao en Xestión da Información e da Documentación Dixital, ligados ao Campus Innova. Son graos transversais, definiu Abalde, propostas dunha comisión intercentros. “Seguimos sendo unha universidade xeralista pero con determinadas áreas que poden ser puntas de lanza”, engadiu.

 

Prácticas laborais

Finalizada a súa exposición, comezou o coloquio, moderado polo director da Escola, Fernando Agrasar, coa intervención dun alumno que considera que o salario de 800 euros ao mes das bolsas para recén titulados que ofrecen Feuga e Fuac son “moi baixas”. O reitor considera que máis que a contía do primeiro acceso ao mercado laboral interesa a calidade da formación que reciben os titulados. Para Abalde as prácticas en empresas están dando “moi bos resultados de inserción laboral” toda vez que antes de Boloña non existía esta posibilidade. Reflexionou así mesmo sobre as consecuencias que pode traer a nova normativa que impón a cotización dos bolseiros á Seguridade Social que teme poida inhibir ás empresas. Como insistise o alumno neste tema, o director da ETSAC apuntou que todas as prácticas extracurriculares que oferta a Escola son remuneradas, ademais de insistir na vixilancia que teñen sobre as mesmas.

 Un dos docentes plantexou a posibilidade de copiar o modelo do Centro de Linguas para os cursos de formación e capacitación que ofrecen na ETSAC ao seu alumnado de forma gratuíta. O reitor aceptou a proposta. “Se plantexades un proxecto, estudariámolo”, dixo, pero especificou que o modelo do Centro de Linguas require unha planificación previa, e unha estrutura autofinanciable polo que non poderían ser cursos gratuítos.

 

Cidade das TIC

Na conversa inquiriron ao reitor polo edificio para as universidades que se está a construír na Cidade da Cultura e polo proxecto denominado Cidade das TIC. Abalde explicou que o edificio da Cidade da Cultura é un proxecto da Xunta para albergar varias entidades de coordinación universitaria como o Consorcio Interuniversitario, a CIUG, Acsug ou Bugalicia.

Sobre a Cidade das TIC, o reitor explicou que é un proxecto da UDC en colaboración coa Clúster TIC de Galicia que demanda unha maior interacción cos grupos de investigación da Universidade da Coruña. Xa se está a facer no centro de investigación da UDC, CITIC, “pero é insuficiente polo que o Clúster nos plantexou esta demanda e elaboramos un proxecto”. O reitor avanzou a participación da ETSAC no desenvolvemento do proxecto, se chega realizarse, pois o que se plantexa é basicamente “un barrio industrial tecnolóxico”. “Este é un proxecto de importancia non só para a cidade da Coruña senón para toda Galicia”, subliñou o reitor. Neste sector, abundou, traballan máis de 22.000 persoas e factura máis de dous mil millóns de euros anuais. O 45% do persoal e máis da metade da facturación están na Coruña. “Que este sector valore estar cerca da UDC é unha oportunidade para nós e seguiremos insistindo con este proxecto”, apostou.

Un dos docentes comentou que o baremo para a contratación dos profesores “é moi ríxido” e non valora suficiente a experiencia laboral. Abalde manifestou a súa comprensión pero tamén argüíu que os avaliados requiren uns baremos establecidos previamente para evitar discrecionalidades. Tamén se manifestaron na reunión as rixideces á hora de constituír tribunais cunha necesidade de mobilidade entre áreas. Abalde coincidiu en defender a transversalidade “porque non existen áreas de coñecemento nas titulacións, só existen á hora do reparto de materias”. “Non podo estar máis de acordo contigo”, reiterou, “temos que ir pola colaboración entre áreas porque as novas titulacións son transversais”.

Outro dos alumnos lamentou a falta de espazo para facer traballos en grupo. “Traballamos con maquetas voluminosas e temos dificultades de espazo para reunirnos”, queixouse. A vicerreitora de Estudantes avanzou que se está a preparar un espazo para os traballos en grupo do alumnado no Pavillón de Estudantes.

 

Bibliotecas

Un dos bibliotecarios presentes apuntou que as estatísticas de préstamos de libros físicos levan cinco anos caendo en cifras moi importantes. Engadiu que as bibliotecas universitarias están a vivir uns cambios radicais de funcións e de actuacións, converténdose en oficinas de apoio e soporte á investigación, así como en centros de traballo en grupo para o alumnado, centros de difusión do coñecemento con charlas de interese para a comunidade académica, etc. Na UDC, declarou, “agora é o momento de iniciar esa conversación sobre o futuro das bibliotecas cos novos perfís necesarios”. O reitor manifestou a súa total adhesión a esta iniciativa, na que xa quixo traballar na súa etapa como vicerreitor de Títulos. Abalde explicou ademais que a UDC é das poucas universidades que ten unha biblioteca en cada centro o que pode favorecer este proxecto. O reitor considera ademais que o persoal da biblioteca da UDC, moi ben formado, podería ser un servizo de apoio para profesorado e alumnado en temas de tratamento da información; e valorou as súas iniciativas, referencia internacional, como o repositorio onde están os TFG, TFM e teses de doutoramento. O reitor considerou moi interesante a proposta presentada.

Un dos docentes queixouse de que a participación do alumnado nas enquisas de valoración do profesorado, Docentia, é moi baixa. “As enquisas son fundamentais, eu quero saber que opinan os meus alumnos”, declarou. O reitor recoñeceu que a participación é escasa, aínda que vai por centros, algúns acadan un significativo 30% de participación e outros só un 2%. Abalde animou a todo o profesorado e ao centro en xeral a estimular a participación do estudantado. Na reunión, o alumnado demandou varias obras de mellora do edificio da escola e do seu contorno, como o repintado dun paso de peóns, competencia municipal; e varias medidas de aproveitamento enerxético. O reitor explicou que a actuación sobre a edificación, de gran envergadura, está realizándose en varias fases, a primeira xa se realizou, a segunda está en proxecto e aínda quedaría algunha máis que se está negociando. Engadiu o reitor que o orzamento anual para obras de toda a universidade é de só un millón de euros. Lembrou tamén as prioridades orzamentarias do seu equipo de goberno que son manter o plantel de persoal e manter as axudas ao estudantado, que superan os dous millóns de euros ao ano. A UDC gasta cada ano 300.000 euros en axudas ao bonobús, por exemplo. “É a nosa decisión polo que a reformas de obras terán que esperar”, rematou.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC