Profesores da Universidade da Coruña actualizan a súa metodoloxía coas Xornadas de Innovación Docente

Nota de prensa
7/11/18 14:46
  • Institucional

A Coruña, 7 de novembro de 2018.- A Universidade da Coruña organiza por terceiro ano as Xornadas de Innovación Docente, programadas polo Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa, Cufie, dependente da Vicerreitoría de Oferta Académica e Innovación Docente.

O reitor, Julio Abalde, inaugurará mañá xoves, 8 de novembro, ás 9:00 horas as Xornadas, xunto coa vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente, Nancy Vázquez, e o decano da Facultade de Ciencias da Educación, Manuel Peralbo, centro no que se desenvolverán as xornadas durante o xoves e o venres.

O obxectivo é, segundo explicou Vázquez, “estimular a posta en común e o intercambio de experiencias didácticas entre distintas áreas de coñecemento para, deste xeito, potenciar o traballo interdisciplinar e a actualización permanente do profesorado da UDC”. Nesta edición os membros dos Grupos de Innovación Educativa da UDC presentarán os proxectos nos que estiveron traballando durante o curso 2017-2018. Así mesmo farase a presentación oficial do libro dixital Contextos universitarios transformadores: retos e ideas innovadoras, que marca o inicio dunha publicación a través da que se lle dará difusión a unha selección dos traballos presentados nas xornadas.

Despois do acto inaugural, intervirá Antonio Fernández-Coca, vicerreitor de Campus Dixital e Transmedia da Universitat de les Illes Balears, coa conferencia “Hai que saír do armario para entrar no armario: diario dunha expriencia docente”.

Máis información: https://goo.gl/9gvxM7

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC