A Coruña, 20 de decembro de 2022.- Tras a aprobación o pasado 15 de decembro das liñas xerais orzamentarias para o ano 2023, hoxe aprobouse en Consello de Goberno o orzamento da Universidade da Coruña para o ano 2023, que se sitúa nos 168,44 millóns de euros, o que supón unha subida con respecto ao ano anterior do 14%.
“Son os orzamentos máis altos da historia de UDC debido ao bo comportamento na captación de fondos das distintas convocatorias dos Fondos de Recuperación que eleva dunha forma drástica o capitulo de investimentos con 31,9 millóns de euros, e ao mesmo tempo son presupostos que contarán cun forte incremento dos gastos correntes polo incremento dos subministros e a enerxía”, definiu o reitor, Julio Abalde. “Son orzamentos para recuperarnos das consecuencias da pandemia pero debemos estar atentos na súa execución para non saírnos da senda tradicional da UDC de rigor na xestión económica”, declarou.
O equilibrio orzamentario para o ano 2023 sitúase no nivel dos 168,44 millóns de euros, cun incremento do 13,87% con respecto ao ano 2022, como explicou o vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica, Domingo Calvo, quen alertou de que “o contexto actual de incerteza económica e social, cunha forte presión inflacionista acentuada por unha crise enerxética e climática, está a condicionar enormemente a actividade económica”.
Como consecuencia deste contexto económico, subliñou o vicerreitor, hai dúas cuestións de interese que afectan directamente ao orzamento de gastos. En primeiro lugar, prodúcese un incremento tanto no capítulo de gastos de persoal, como no capítulo de gasto corrente. Así, no que respecta ao persoal e para facer fronte aos incrementos salariais do Estado haberá un incremento retributivo do 1,5% con efectos retroactivos a 1 de xaneiro deste ano e un 2,5% adicional para o próximo ano 2023, polo que os gastos de persoal acadan unha contía 110,61 millóns de euros e incrementan un 6,52%.
De igual xeito, este contexto inflacionista está a ocasionar unha suba dos prezos das materias primas e dos subministros como enerxía eléctrica, combustibles e maior gasto de dixitalización. En consecuencia, os gastos correntes ascenden a 19,94 millóns de euros, o que supón un incremento do 6,85%. Paralelamente, tamén se incrementan as transferencias correntes ate os 5,14 millóns de euros, o que supón un incremento dun 10,03%.
Para o vicerreitor de Economía, Domingo Calvo, “é fundamental dar o maior apoio ao noso estudantado e non devaluar a calidade dos servizos públicos”. “É importante destacar o esforzo que está a facer esta universidade cos programas de apoio ao estudantado como bolsas, residencias, programa de axudas ao transporte, promoción das actividades culturais, deportivas ou a mobilidade”, incidiu, destacando o aumento orzamentario nas partidas destinadas ao alumnado, que superará o vindeiro ano os 1,3 millóns de euros.
Neste contexto de incremento dos prezos, aparece un eixo fundamental e prioritario na xestión da UDC, que é a política de aforro. Trátase de sacar o máximo beneficio ás medidas de aforro enerxética e de redución do impacto ambiental que se centran no peche de centros en períodos lectivos, en que non hai docencia como no Nadal, en réxime de teletraballo e en períodos non lectivos como no mes de agosto, onde estarán pechados dúas semanas. Estas medidas vanse intensificar coa implantación de proxectos de eficiencia enerxética entre os que destacan tanto a instalación de paneis fotovoltaicos en diferentes edificios da Universidade como a impermeabilización e mellora das cubertas. O financiamento para estes proxectos conseguiuse nunha convocatoria competitiva promovida polo Instituto de Enerxía de Galicia (INEGA) procedente de fondos Next Generation. O investimento total dos paneis e mellora das cubertas ascende a 2,2 millóns de euros.
Outro dos aspectos que convén destacar ademais do incremento dos gastos de persoal e do gasto corrente é o incremento do gasto de capital ou investimento. En concreto, o capítulo de investimentos experimenta un incremento no exercicio 2023 de case un 60%, no que destaca o crecemento do investimento tanto material como inmaterial.
O investimento é non só necesario para mellorar as infraestruturas, os edificios e instalacións senón para impulsar a investigación, o desenvolvemento e a innovación. A contía estímase en 31,91 millóns de euros, o que representa un 18,95% do total do orzamento. Deste xeito, a Universidade da Coruña, consciente da importancia da I+D, está a impulsar a creación de ecosistemas de innovación.
Por unha banda, céntrase no apoio aos diferentes centros de investigación (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil, CITEEC; Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, CITIC; Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía, CICA; e o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais, CITENI. No caso do CITIC vén de conseguir o selo CIGUS da Xunta, que acredita a excelencia da investigación acadada nun ámbito das TIC. Simultaneamente, quérese apoiar as candidaturas á acreditación do CICA, CITEEC e CITENI.
A Universidade da Coruña potenciará dous importantes polos de innovación nas cidades da Coruña e Ferrol.
No caso de Ferrol impulsarase o Campus Industrial de Ferrol. Está xa realizado o anteproxecto do novo Centro de investigación en industria intelixente, Ci3, e no ano 2023 vaise licitar o proxecto, para o que se destina un orzamento de 0,9 millóns de euros. Trátase dun novo edificio de máis de 14.000 metros cadrados para desenvolver I+D en enxeñaría e industria intelixente. Ademais potenciarase a investigación conxunta con Navantia co Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia, que está a desenvolver o estaleiro do futuro; e consolidarase a recentemente creada Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol.
Destaca tamén, na cidade da Coruña, a creación dun ecosistema de innovación dixital e tecnolóxica que quere lograr a vertebración, concentración, crecemento e internacionalización das TIC en Galicia. Trátase da Cidade das TIC. O avance deste proceso puido concretarse na aprobación por parte do Estado da instalación na Coruña da Agencia Española para la Supervisión de la Inteligencia Artificial (Aesia).
A Cidade das TIC vivirá o vindeiro ano a súa posta en marcha coa apertura do Centro de Servizos Avanzados, CSA, e da nave de innovación do Instituto Tecnolóxico de Galicia. Tamén en 2023 construirase a nova nave que, financiada pola Deputación da Coruña, destinarase ao seu uso polo sector audiovisual e rehabilitaranse os edificios para crear o Centro de formación avanzada en novas opcións profesionais vinculadas á transición tecnolóxica e dixital, así como se prevé que se rehabilite o edificio principal da antiga Fábrica de Armas nas instalacións da actual Cidade das TIC.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC