A Coruña, 12 de xullo de 2021.- Os investigadores da Universidade da Coruña, do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e da Comunicación, CITIC, Ana López Cheda, Ricardo Cao Abad, María Amalia Jácome Pumar e a investigadora Ingrid Van Keilegom, da Universiteit Leuven (Bélxica), veñen de ser distinguidos co Premio á Mellor contribución metodolóxica en Estatística convocado pola Sociedad de Estadística e Investigación Operativa (SEIO) e a Fundación BBVA.
Nesta segunda edición dos premios, o xurado galardoou cinco contribucións aos campos da Estatística e a Investigación Operativa recoñecendo as aportacións máis innovadoras nestas dúas disciplinas.
O premio á Mellor contribución metodolóxica en Estatística foi para Ana López Cheda (investigadora distinguida Beatriz Galindo), Ricardo Cao Abad (catedrático de Estatística e Investigación Operativa da Universidade da Coruña), María Amalia Jácome Pumar (profesora Titular de Universidade de Estatística e Investigación Operativa), todos eles do Grupo de Investigación de Modelización, Optimización e Inferencia Estatística (MODES) da Universidade da Coruña e pertencentes ao Centro de Investigación de Tecnoloxía da Información e Comunicacións (CITIC) e Ingrid Van Keilegom (catedrática de Estatística e Investigación Operativa da Katholieke Universiteit Leuven, Bélxica) polo seu artigo “Nonparametric incidence estimation and bootstrap bandwidth selection in mixture cure models” (“Estimación non paramétrica da incidencia e selección bootstrap de ancho de banda en modelos de curación de tipo mestura”), publicado en Computational Statistics & Data Analysis.
Os métodos propostos no artigo resultan útiles para analizar os tempos de vida en situacións nas que o evento de interese (por exemplo, morte por unha determinada enfermidade) pode non darse por producirse a curación do paciente. Os métodos xeneralizan os métodos de estimación da análise de supervivencia en dous sentidos: permiten a existencia de curación entre os tempos de vida chamados censurados e contemplan a posible explicación no tempo de vida de variables relevantes no problema (factores de risco, características que inflúen no prognóstico, etc.). No artigo estúdianse as propiedades teóricas dos métodos propostos, amosando o seu bo comportamento tanto desde un punto de vista teórico como mediante simulación con datos artificiais. Tamén se aplican a unha base de datos reais proporcionada polos doutores Sonia Pértega e Salvador Pita (xa falecido), pertencentes ao Instituto de Investigación Biomédica constituído pola UDC e o CHUAC.
O xurado estivo presidido por Gilbert Laporte, catedrático emérito de Investigación Operativa de HEC Montréal, CIRRELT, Universidade de Bath (Reino Unido) e Universidade de Molde (Noruega); e formado por Ana Paula Barbosa-Póvoa, catedrática no Departamento de Operacións e Loxística, Enxeñaría e Xestión do Instituto Superior Técnico (IST) da Universidade de Lisboa (Portugal); Martine Labbé, catedrático no Departamento de Informática na Universidade Libre de Bruxelas (Bélxica); Frédéric Ferraty, catedrático de Matemáticas no Toulouse Mathematics Institute, Universidad de Toulouse Jean Jaures (Francia); Michael Greenacre, catedrático de Estatística na Universitat Pompeu Fabra e profesor afiliado en Barcelona GSE; Marc Sevaux, catedrático de Investigación Operativa na Universidade de Bretaña Sur (Francia).
A Sociedad de Estadística e Investigación Operativa (SEIO) e a Fundación BBVA convocan os Premios Sociedad de Estadística e Investigación Operativa – Fundación BBVA 2021 a contribucións científicas particularmente relevantes en estatística e investigación operativa. Con periodicidade anual e de ámbito estatal, os premios recoñecen a orixinalidade, a innovación e a contribución aos campos da Estatística e a Investigación Operativa co dobre obxectivo de incentivar o traballo de investigación neses dous campos e a súa proxección á sociedade.
Información facilitada por Fundación BBVA: https://bit.ly/3igEFkf
Foto: Ricardo Cao, Ana López Cheda e Amalia Jácome (de esquerda a dereita) con motivo da súa asistencia ao Workshop da Rede de investigación Asymptotic Theory in Multidimensional Statistics, celebrado en Lovaina (Bélxica) en agosto de 2018
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC