A Coruña, 16 de maio de 2024.- O secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; acompañado do vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas; visitou hoxe o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), con motivo do seu recente recoñecemento como centro de excelencia dentro da Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (Rede CIGUS).
Tras unha reunión coa directiva do CICA, Díez de Castro mantivo sendas reunións cos responsables do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicación (CITIC), que renovou o seu recoñecemento como Centro de Excelencia; e do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), que ven de ser recoñecido como centro colaborador na Rede CIGUS), plataforma autonómica orientada ao fortalecemento da investigación de excelencia.
OS TRES CENTROS DE INVESTIGACIÓN DA UDC
CICA, CITIC e CITEEC aglutinan a máis de 600 persoas investigadoras desenvolvendo o seu labor científico, as cales están actualmente inmersas en 256 proxectos de investigación e transferencia tecnolóxica. O traballo e resultados destes centros permitiulles unha captación de fondos global superior aos 39 millóns de euros no período 2020-2022.
Foto 1 e 2: José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades, e Irene Bonome Gradaille, subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria; visitaron esta mañá o CICA da Universidade da Coruña acompañados por Jerónimo Puertas, vicerreitor de Investigación e Transferencia; Jaime Rodríguez, director do centro de investigación e María Isabel González Siso, subdirectora.
Foto 3: José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades, e Irene Bonome Gradaille, subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria; visitaron esta mañá o CITEEC da Universidade da Coruña, acompañados por Jerónimo Puertas, vicerreitor de Investigación e Transferencia; o director científico do centro, Fernando Martínez Abella, e o director técnico do mesmo, Juan Ramón Rabuñal Dopico.


Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC