A Coruña, 2 de marzo de 2023.- Os Reis Felipe VI e Letizia entregaron onte ao profesor da Universidade da Coruña Carlos Gómez o Premio Nacional de Investigación para Jóvenes María Andresa Casamayor, na área de Matemáticas e Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, que promove o Ministerio de Ciencia e Innovación, nun acto que tivo lugar en Alicante coa presenza da ministra, Diana Morant. Ao evento asistiu tamén o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, a vicerreitora de Planificación Académica e Innovación Docente, Nancy Vázquez, e o director do Centro de Investigación TIC da UDC (CITIC), Manuel González Penedo.
O investigador foi recoñecido “pola orixinalidade e o impacto das súas achegas ao desenvolvemento de algoritmos que incorporan a linguaxe natural a contornas dixitais propios da intelixencia artificial”, segundo destaca a nota emitida polo Ministerio.
A traxectoria investigadora de Carlos Gómez é o Procesamento da Linguaxe Natural, en particular a análise sintáctica que contribúe a que os ordenadores poidan traballar coa linguaxe humana, de forma que se comuniquen coas persoas de forma máis efectiva.
Xunto con Carlos Gómez, foron recoñecidos outros nove investigadores novos, nunha convocatoria na que se presentaron 185 candidaturas. Estes premios son o recoñecemento máis importante de España no ámbito da investigación científica. Segundo destacou a ministra Diana Morant, estes galardóns poñen en valor a ciencia que se fai en España grazas ao labor de investigadores e investigadoras con carreiras excepcionais, que dedican a súa vida a xerar coñecemento e a trasladalo en aplicacións para a sociedade. Os galardóns, dotados con 30.000 euros en cada modalidade, están dirixidos a investigadores de menos de corenta anos, que estean desenvolvendo un labor relevante e recoñecido internacionalmente nunha institución española.
Carlos Gómez Rodríguez (Murcia, 1982) é catedrático na Universidade da Coruña, na que se doutorou en Computación en 2009.
A súa investigación céntrase no Procesamento da Linguaxe Natural (PLN), unha tecnoloxía cada vez máis presente no día a día, con especial enfoque na análise sintáctica, que é clave para calquera sistema que necesite extraer significado de textos en linguaxe humana. En particular, enfócase na consecución de métodos eficientes e multilingües, especialmente importantes para facer esta tecnoloxía accesible a mercados con diversidade lingüística e sen os enormes recursos computacionais das grandes empresas tecnolóxicas, como é o caso de España.
A súa produción científica comprende máis de 140 publicacións, tanto nos principais congresos e revistas de PLN e Intelixencia Artificial (IA) como traballos multidisciplinares en revistas de física, ciencia cognitiva ou matemáticas. Entre outras contribucións, presentou un paradigma de análise sintáctico totalmente novo baseado en etiquetaxe secuencial, que permite obter analizadores sintácticos con velocidades sen precedentes, e lidera o único laboratorio europeo que conseguiu superar os récords en precisión da análise sintáctica desde a popularización das arquitecturas de aprendizaxe profunda.
Foi investigador principal do proxecto FASTPARSE (Fast Natural Language Parsing for Large-Scale NLP), financiado con 1.481.747 euros polo Consello Europeo de Investigación (ERC) na súa convocatoria de Starting Grants. Actualmente é tamén investigador principal doutro proxecto europeo da convocatoria ERC Proof-of-Concept Grant, ademais de supervisar a unha investigadora postdoutoral Marie Curie. Así mesmo dirixe e dirixiu diversos proxectos nacionais e autonómicos e catro teses doutorais, con outras dúas en curso. A nivel institucional, desde 2018 coordina a área Innova Humanitas do Campus Innova da UDC, que busca especializar á institución en humanidades dixitais.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC