O reitor recibe ao conselleiro de Industria no Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e da Comunicación para coñecer a empresa Cinfo

Nota de prensa
5/04/19 14:42
  • Institucional

A Coruña, 5 de abril de 2019.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, recibiu esta mañá ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, nas instalacións do Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e da Comunicación, CITIC, da UDC, no campus de Elviña, onde está ubicada a empresa Cinfo. Na visita, estiveron acompañados polo director Executivo de Cinfo, Antonio Rodríguez del Corral, presidente ademais do Cluster TIC de Galicia, polo vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, e o director do CITIC, Manuel González Penedo.

O conselleiro puido coñecer algún dos proxectos en que traballa a empresa Cinfo, que xurdiu dunha patente universitaria. Así Rodríguez del Corral presentou ao conselleiro as solución tecnolóxicas de intelixencia artificial, 5G, IoT e Big Data nas que a empresa está a traballar actualmente para o sector audiovisual, a industria 4.0 e a aeronáutica non tripulada.

Conde valorou a Cinfo como unha empresa de referencia no sector tecnolóxico que a levou mesmo a facerse internacional. Así mesmo destacou a importancia da relación entre a universidade e o sector produtivo para aportar valor engadido que diferencie e posicione os produtos galegos. “O éxito de gran parte dos resultados que se están a desenvolver en Galicia é froito da colaboración entre as administracións, as universidades e o sector produtivo”, manifestou, engadindo que as administracións “serven de ponte entre o coñecemento e a empresa”. Finalmente, o conselleiro gabou a “visión da Universidade da Coruña co impulso do CITIC e de distintos espazos de colaboración entre o mundo do coñecemento e o empresarial”.

O reitor, pola súa banda, resaltou que a convivencia da universidade e do sector produtivo no mesmo espazo “xera cada vez máis oportunidades de colaboración”. Neste sentido, Abalde suliñou ademais Cinfo ten unha interacción “intensa” coa universidade, motivo de orgullo ademais ao desenvolverse en base a unha patente universitaria.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC