O reitor e o xerente reflexionan co PAS sobre a adaptación da estrutura administrativa ás novas necesidades da universidade

Nota de prensa
29/04/19 14:29
  • Institucional

A Coruña, 29 de abril de 2019.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o xerente, Ramón del Valle, reuníronse na Facultade de Dereito o pasado 27 de marzo co persoal de administración e servizos do campus de Elviña non adscrito a centros, dentro da rolda de contactos que o reitor mantén todos os cursos nos centros con todos os colectivos universitarios.

Abalde comezou indicando que este ano finalizarán os proxectos postos en marcha de acordo coas liñas estratéxicas defendidas estes anos. O reitor lembrou que o ano 2015 foi un ano “moi duro” economicamente para a UDC; no 2016 iniciouse o novo Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego, “francamente malo para a UDC”, pero que permite unha estabilidade financeira, dentro da precariedade. O reitor indicou que o seu equipo fixo unha aposta clara pola proxección da universidade nas súas funcións básicas: docencia, investigación e transferencia, coa internacionalización como eixo transversal.

Sobre a docencia, Abalde avogou por dotar aos títulos dunha maior transversalidade e flexibilidade para que os futuros titulados poidan acceder en mellores condicións a un mercado laboral cambiante. O reitor apuntou á diferenciación da oferta de graos ao respecto doutras universidades como resposta a nichos de formación existentes en Galicia, e a modificación de títulos replicados como o formato Dual para o Grao en Enxeñaría Eléctrica para facelos únicos no Sistema Universitario Galego. Tamén se modificou o grao que se implantará o próximo curso en Xestión Dixital da Información e Documentación. Entre os novos títulos, implantouse no Campus de Ferrol o Grao en Xestión Industrial da Moda, para aproveitar o baleiro de formación nun sector moi importante en Galicia.

No que respecta á investigación, o reitor lembrou a escaseza de convocatorias de proxectos a nivel autonómico e estatal que fixo que se apostase por ir ás convocatorias de proxectos europeos. As convocatorias da UE son complicadas polo que se reforzou o acompañamento aos grupos de investigación. Este esforzo está empezando a dar os seus froitos, xa que o ano pasado a UDC obtivo un récord de financiamento con máis de dous millóns de euros para investigación, así como se superou o número de solicitudes presentadas ás convocatorias internacionais, coa implicación do persoal da OTRI. Tamén se conseguiu unha agrupación estratéxica para o CITIC, para o CICA-INIBIC e para o CITEEC, mentres que a proposta para o CIT de Ferrol, moi ben valorada, non se puido conseguir.

A transferencia ten para Abalde unha implicación institucional, cunha relación maior entre a Academia e o sector produtivo que se traduza en proxectos de investigación, creación de novas cátedras, que pasaron de tres a once, ou en divulgación científica, cultural e da actividade deportiva. A internacionalización afecta de forma transversal a todas estas áreas, explicou o reitor. “Seguimos traballando para atraer máis alumnado de programas de mobilidade, Erasmus e de intercambio pero tamén temos que facer máis internacionais os nosos títulos e os nosos centros”, avanzou. A UDC ten docencia en inglés en itinerarios en oito dos seus títulos de grao, convenios de dobres titulacións de grao, como ADE, Informática, Dereito e Inglés, e de mestrado, o que, xunto co Grao en Xestión Industrial da Moda, bilingüe, fai da universidade coruñesa a de maior oferta internacional de Galicia.

Todas estas liñas estratéxicas son difíciles de xestionar coa actual estrutura universitaria polo que se organizou en base aos campus de especialización, que son elementos de coordinación, de coñecemento entre as distintas estruturas, vinculados a unhas áreas de especialización concretas. Fíxose unha valoración das áreas en que a UDC ten fortaleza en temas de docencia, investigación e transferencia e determináronse as especialidades de Campus Industrial en Ferrol e, na Coruña, Campus Sustentabilidade e Campus Innova. Tamén teñen como obxectivo conseguir máis financiamento para a UDC. Isto vai cambiar o funcionamento interno da universidade, subliñou o reitor quen destacou ademais que estas iniciativas fixéronse nunha complicada situación económica na que se mantiveron dous principios básicos: manter as axudas ao estudantado e manter o plantel de persoal. “A maior riqueza da universidade é o capital humano tanto de PDI como de PAS”, declarou Abalde, quen alertou de que o apoio ao plantel de persoal se ten que defender aínda ante a Xunta que propón unha reducción. A plantilla, aportou o dato o reitor, custa 96M€ dun orzamento de 129M€. “Foron tempos complicados –resumiu- pero seguimos mantendo programas de estabilización e promoción do PDI e do PAS”. Un terzo da plantilla de PAS terá promocionado ao remate dos procesos que están en marcha, cunha RPT practicamente cuberta.

Xa na quenda de debate, unha das persoas presentes preguntou polo sistema de elección dos coordinadores dos campus de especialización, e plantexou que se elixisen por votación. O reitor explicou que esta figura non é un órgano de goberno, está relacionado directamente coas políticas de goberno cunha autoridade similar á dun vicerreitor, polo que non é elixible.

Esta mesma persoa indicou que na páxina web a información dalgúns dos títulos non sempre aparece en inglés, coa dificultade que iso supón para a súa internacionalización. O reitor manifestou que dentro de Xescampus os títulos están en galego/español/inglés pero que a secretaría virtual só permite dous idiomas, galego e español, polo que se deseñou unha páxina específica para as titulacións, na que hai unha parte que depende directamente da información que aporten os centros, que é a que está fallando nalgúns casos.

Outro dos asistentes quixo saber dos prazos da convocatoria de promoción interna das 25 prazas de xestión que ían saír en 2018. O xerente contestou que o prioritario é lanzar as convocatorias de acceso libre porque a OEP de 2106 vence aos tres anos. En paralelo, están moi avanzadas as convocatorias de promoción do 18, non só desas prazas senón de todas, continuou Del Valle. “Contamos telas antes do verán”.

Sobre a descrición de postos que preguntou outra asistente, o xerente adiantou que xa está feito o traballo interno e que a seguinte fase será a negociación coa representación do persoal. Unha vez definido o mapa de competencias virá o Manual de formación e despois afrontarase unha nova RPT. O reitor aproveitou para facer unha reflexión xenérica sobre o proceso de negociacións. “A Universidade cambiou na forma de xestionar e debería plantexarse non unha modificación, senón unha nova RPT, con principios distintos. Temos que organizar a estrutura administrativa para dar resposta ás necesidades actuais porque ás veces non é unha cuestión de efectivos senón de como se estruturan. Facela máis flexible, fuxir de unidades unipersoais para ir a sistemas de maior tamaño. Tamén temos que replantexarnos a formación do PAS porque non pode ser que se chegue a un novo posto sen ter coñecemento deste posto xa que isto supón unha parálise na función administrativa”. O xerente continuou esta vía aberta polo reitor. “Como empregados públicos temos que mirar o interese colectivo, que a universidade funcione dun xeito razoable”.

Un dos asistentes manifestou a súa preocupación pola nova Lei de contratos que veu a complicar a tramitación das facturas, o préstamos interbibliotecarios, etc. A lei de contratos é “unha loucura” concordou o reitor e engadiu que se fará unha ferramenta de xestión para os contratos menores.

Outro dos presentes volveu sobre o mapa de competencias, porque noutra universidade do contorno foi elaborado por unha auditoría externa. “Non vai por aí”, tranquilizou o xerente, “está feito de forma interna”. Unha das propostas que se plantexaron na reunión foi que o persoal que está facendo as tarefas de control nas instalacións deportivas teña un perfil técnico especialista, que o reitor indicou que se valoraría.

O tema da formación saiu de novo, pois unha das asistentes queixouse do pouco acceso. Abalde volveu insistir en que hai que darlle unha volta á formación porque ten que facerse mirando polos postos de traballo máis que como formación curricular. O problema é que non exista un plan de formación vinculado aos postos e ás competencias. Con todo, lembrou que a competencia sobre isto está na Comisión de Formación formada nun 90% por PAS.

Algún asistente puxo sobre a mesa a situación dos traballadores con horario de xornada partida, o tema da roupa de traballo inadecuada, do que o xerente tomou nota; e a responsabilidade que a universidade ten coas empresas que contrata, a raíz do cambio na contratación do servizo de seguridade que deixou fóra a algunhas persoas. O xerente asegurou rotundamente a estrita adhesión do novo concesionario ás normas de licitación.

Unha das intervencións pediu “sentido común” á hora de elaborar o mapa de competencias “aínda que leve máis tempo porque vai ser algo permanente e base de moitas cousas posteriores”.

A conversa levou tamén por temas de teleformación, pola posibilidade de implantar unha avaliación do desempeño ou do control de asistencia por fichaxe. O reitor apelou á responsabilidade dos traballadores. “A mellor motivación da plantilla é que teña claro que ten posibilidades de facer unha carreira profesional. Temos que ser eficientes polo feito de ser responsables cada un do seu propio traballo, e iso coa plantilla da UDC está garantido”, concluíu.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC