O reitor e o presidente de COGAMI asinan un acordo para que o CITIC desenvolva proxectos de domótica e impresión 3D no ámbito da discapacidade

Nota de prensa
8/04/19 12:04
  • Institucional

A Coruña, 8 de abril de 2019.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, COGAMI, Anxo Antón Queiruga, asinaron un convenio de colaboración que se desenvolverá no Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e da Comunicación da UDC, CITIC, para o desenvolvemento das TIC no ámbito da discapacidade e a accesibilidade, nun acto ao que tamén asistiu o director do CITIC, Manuel González Penedo.

Desde o CITIC, en colaboración cos profesionais e usuarios de COGAMI, levaranse a cabo proxectos de investigación que fomentan o uso das TIC para mellorar a súa participación e autonomía a través de solucións baseadas nos principios do deseño universal e centrado nas necesidades e capacidades dos usuarios.

Durante a sinatura do acordo, tanto o reitor como o presidente manifestaron a súa satisfacción por este acordo que permitirá dotar de maior autonomía persoal a este colectivo. Pola súa banda, González Penedo explicou que no centro se está a traballar na creación dunha sala de demostradores tecnolóxicos, na que se simulará un espazo de vivenda doméstica. Aquí se instalarán diferentes elementos de domótica e outros servizos TIC domésticos como asistentes por voz ou realidade virtual. Así, en colaboración con COGAMI e a Facultade de Ciencias da Saúde da UDC, estes servizos serán testeados e acondicionados para mellorar o seu grao de accesibilidade e definir adaptacións funcionais.

Outra liña de colaboración ten por obxectivo avaliar e desenvolver adaptacións mediante a tecnoloxía de impresión 3D. Esta tecnoloxía está revolucionando o campo das próteses e órteses, xa que permite unha maior personalización e adaptación das necesidades específicas de cada persoa. Desde o CITIC traballarase no deseño e nas probas de funcionamento dos elementos creados.

 

Sobre o CITIC

O CITIC é un Centro de Investigación Singular da Universidade da Coruña que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. É un punto de encontro entre a Universidade e a empresa no que conflúen departamentos de I+D de empresas do sector TIC con investigadores procedentes do ámbito universitario. No ano 2016, o CITIC recibiu o distintivo de Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019, sendo o único centro TIC de Galicia recoñecido con esta distinción. Está cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC