O reitor da UDC destaca o papel da universidade como laboratorio urbano desde o que se propoñen solucións innovadoras

Nota de prensa

22/10/25 13:34

  • Institucional
  • O reitor participou esta mañá na inauguración do III Foro Urbano de España, que ten lugar entre hoxe e mañá en Palexco. 
  • Na súa intervención, Cao amosou o interese da Universidade da Coruña en impulsar medidas que permitan minimizar o problema de acceso á vivenda da mocidade, entre outras prioridades.

 

A Coruña, 22 de outubro de 2025.- A Universidade da Coruña participa estes días na terceira edición do Foro urbano de España, unha plataforma de encontro, reflexión e intercambio entre os axentes implicados nas políticas urbanas para identificar barreras e tratar de atopar solucións que faciliten a implantación efectiva da Axenda Urbana Española.

O reitor da UDC, Ricardo Cao, participou esta mañá no acto de inauguración do evento, destacando a vinculación da cidade da Coruña coa Universidade, coa que a unen lazos estreitos e coa que comparten retos e desafíos.

Cao falou da tripla función da Universidade na xeración de coñecemento, investigando sobre enerxía, mobilidade, edificación sostible ou xestión costeira; na formación de cidadanía crítica e profesionais cualificados capaz de deseñar e xestionar as cidades do futuro; e na transferencia de coñecemento a través de proxectos desenvolvidos en conxunto coas administracións, empresas e organizacións sociais.

No seu discurso, o reitor destacou como unha prioridade para a UDC a colaboración coas administracións públicas competentes en materia de vivenda para tratar de impulsar medidas que permitan paliar o problema de accesibilidade á vivenda por parte da mocidade. Así, explicou, a creación de solucións  alcanzables para o estudantado ou a creación de alugueres a prezo taxado nas promocións públicas son algunhas das propostas nas que abondou na súa intervención.

Mobilidade, sustentabilidade e colaboración social foron os outros temas que destacou o reitor, como eixos que conflúen nunca idea central, a universidade como laboratorio urbano, un espazo onde se proban, avalían e difunden solucións innovadoras que logo poden escalarse ás cidades.

O foro continuará ao longo de dúas intensas xornadas, nas que a cidade da Coruña recolle a testemuña de Sevilla e Granada, que foron as encargadas de acoller a primeira a segunda edición do Foro respectivamente.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC