O reitor da UDC, Julio Abalde, e o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, reafirman a colaboración institucional

Nota de prensa

2/02/21 13:57

  • Institucional

A Coruña, 2 de febreiro de 2021.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, recibiu na Reitoría ao presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado.

A visita, a primeira que o actual presidente realiza á UDC desde que tomou posesión do seu cargo, tiña como obxectivo analizar a colaboración existente entre ambas entidades. Tanto o reitor como o presidente comprometéronse a continuar e intensificar esta estreita colaboración que se materializa actualmente en diversos convenios de investigación realizados por grupos de investigadores pertencentes ao Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) e ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIC), así como con acordos de prácticas de alumnado de varias escolas e facultades, entre elas a Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos ou a Facultade de Ciencias da Comunicación.

Fernández Prado agradeceu a boa disposicións do reitor de cara a profundar a colaboración entre estas dúas institucións tan relevantes na cidade, e transmitiu a súa intención de ordenar esta relación nalgún acordo marco que poida dar cabida ás distintas accións conxuntas. Destacou a capacidade da Universidade para apoiar os proxectos de innovación que porá en marcha a Autoridade Portuaria, e neste senso referiuse á actividade que desenvolven os Campus Innova e Sustentabilidade.

Pola súa banda, Abalde concordou coa proposta de Fernández Prado para intensificar unha relación que sen dúbida beneficiará a ambas entidades. O reitor destacou as amplas posibilidades de colaboración tanto no que se refire a proxectos de investigación e innovación como á realización de prácticas curriculares do alumnado. Así mesmo subliñou a importancia dos campus de especialización da Universidade da Coruña, Innova e Sustentabilidade na Coruña e Industrial, en Ferrol, como eixos vertebradores de transferencia de innovación nos seus ámbitos de actuación para o sector empresarial e produtivo de Galicia.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC