O reitor, Julio Abalde, e a alcaldesa, Inés Rey, presentaron na Fábrica de Armas o proxecto da Universidade da Coruña “Cidade das TIC”

Nota de prensa

2/03/20 14:28

  • Institucional

A Coruña, 2 de marzo de 2020.- Pouco despois das once da mañá do pasado xoves, os militares, que custodiaban a Fábrica de Armas ata ese día en mans do Ministerio de Defensa, abandonaban as instalacións que xa forman parte da Universidade da Coruña por un período inicial de 25 anos, prorrogables a outros 25. A que foi no seu día Biblioteca da Fábrica de Armas, situada no edificio principal, acolleu a presentación oficial do proxecto que a Universidade da Coruña, “Cidade das TIC” (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), ten previsto desenvolver coa colaboración do Cluster TIC de Galicia.

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e a alcaldesa, Inés Rey, explicaron o pasado 27 de febreiro, nunha concorrida rolda de prensa á que asistiron cargos académicos e concelleiros da Coruña, o proxecto que trata de “desenvolver un polo de innovación en I+D que tamén dará cabida ás empresas, grandes e pequenas, do sector tecnolóxico a nivel nacional e internacional”, segundo comezou Abalde quen enmarcou este proxecto no plan estratéxico galego e europeo. O reitor manifestou que o sector TIC é un dos máis dinámicos de Galicia, cun incremento do número de empresas do 17% no período de 2013 a 2017, con conseguinte aumento de empregos e facturación.

Abalde asegurou que a Cidade das TIC está incardinada no proxecto xeral da Comunidade Autónoma de creación de varios polos de innovación TIC en Galicia: 5G en Vigo, Ciberseguridade en Santiago e Intelixencia Artificial na Coruña, liderado pola UDC. En todo caso, apuntou o reitor, serán polos colaborativos entre si e coas empresas e centros tecnolóxicos coa finalidade de “traballar xuntos para ser máis competitivos a nivel nacional e internacional”. O reitor espera que o desenvolvemento da Cidade das TIC sirva para atraer e reter talento así como para que o sector TIC reciba un impulso importante coa creación de novos postos de traballo, a aparición de proxectos disruptores, o fomento do emprendemento e as exportacións. Abalde confía ademais en que se incrementen as vocacións científicas ligadas ao sector TIC. “Se non somos capaces de reter e atraer talento, dificilmente teremos futuro como sociedade”, alertou engadido que a misión deste proxecto é “lograr un polo TIC para incrementar a competitividade do tecido produtivo de Galicia mediante o impulso e o uso das tecnoloxías dixitais polas empresas e outros actores económicos”.

Sobre a idoneidade da ubicación, o reitor resaltou as favorables condicións da área metropolitana que aglutina unha importante porcentaxe de emprego do sector TIC de Galicia, ademais de contar cunha Facultade de Informática e un Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación, CITIC, referentes a nivel galego, así como co Instituto Tecnolóxico de Galicia, precedente no ámbito TIC. “Temos as bases para xerar o ecosistema que suporá a Cidade das TIC”, concluíu resaltando que “a transformación dixital é imparable”. Intelixencia artificial, big data, robótica, computación, estatística e visión artificial son algúns dos ámbitos científicos aos que se dirixe este proxecto, susceptibles de ampliarse a medida en que vaian aparecendo novas liñas de interese.

A Cidade das TIC terá segundo explicou o reitor, un Centro de innovación e demostración, unha Área empresarial TIC, un Centro de I+D en TIC, unha Incubadora de alta tecnoloxía e dixitalización, un espazo para proxectos de aplicación TIC e outro para formación e difusión que axude á transformación dixital. O recinto actual amurallado da Fábrica de Armas cambiará a súa penetrabilidade co novo proxecto, xa que a idea que manexa a universidade é que sexa un muro permeable que se abra aos veciños que poderán acceder ás zonas de ocio e aos xardíns. A cesión que o Ministerio de Defensa fai á Universidade da Coruña abrangue 127.000 metros cadrados, con solo empresarial que seguirá a ter este uso. Nas inmediacións da Fábrica hai unha parada de bus que conecta directamente coa Reitoría, na Maestranza, así como outra que conecta coa Estación de Autobuses e a Estación de Tren, e unha terceira que se dirixe ao aeroporto. Todo isto redunda na idoneidade da ubicación.

O reitor avanzou na súa presentación os fitos do proxecto nunha proxección temporal. Deste xeito, para este ano 2020, o obxectivo é redactar un plan director e un proxecto de reforma que xa está en marcha. Para o próximo ano, prevese que estea dispoñible o Centro de Fabricación Avanzada e o inicio dos traballos do parque empresarial para que estea operativo en 2022. Ao ano seguinte, 2023, abriranse os servizos xerais de apoio empresarial e comunitarios e no 2024 o Centro de formación especializada e centro de I+D. Todo isto, matizou o reitor, “irá en función dos investimentos que se consigan”. O proxecto Cidade das TIC finalizou o reitor na súa presentación vén a materializar a demanda dun maior contacto efectivo entre a investigación universitaria e o tecido empresarial.

Pola súa banda, a alcaldesa da Coruña asegurou que este é o “inicio dun proxecto industrial e tecnolóxico como hai moito tempo que non se dera na cidade”. “O paso que damos hoxe non é un acontecemento máis senón que é un paso esencial para gañar futuro”, enfatizou, recoñecendo que a Universidade da Coruña traballa “arreo para seguir crecendo malia os recortes, con humildade e sen obsesión de medallas”. Rey considera que o proxecto Cidade das TIC sinala o camiño “do que queremos que sexa A Coruña”. “A Cidade das TIC é hoxe o proxecto de maior relevancia de toda Galicia e debe ser apoiado por todas as institucións”, reclamou reiterando o apoio do Concello a este proxecto “sen reticencias”.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC