A Coruña, 25 de abril de 2022.- O catedrático da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, foi elixido membro (Fellow) do Institute of Mathematical Statistics (Estados Unidos), sendo o único español que integra a listaxe das corenta designacións seleccionadas de todo o mundo este ano.
Esta distinción, das maiores que pode obter un estatístico a nivel mundial, recoñece “as contribucións fundamentais á teoría e á práctica do bootstrap e a estimación non paramétrica de funcións e o distinguido servizo á comunidade estatística internacional” de Ricardo Cao. No caso de España só hai oito investigadores que foran elixidos polo IMS, catro deles xa falecidos, pois esta distinción vense facendo desde hai máis de 85 anos.
“A designación de Fellow do Institute of Mathematical Statistics que conceden expertos estatísticos internacionais constitúe unha gran honra”, valorou o profesor Cao. Cada proposta é avaliada por un comité de pares que teñen en conta a relevancia demostrada en investigación e liderado de cada candidatura e que influíran profundamente neste campo.
Creado en 1935, o Institute of Mathematical Statistics é unha organización que fomenta o desenvolvemento e a difusión da teoría e as aplicacións da estatística e a probabilidade. O IMS ten 4.200 membros activos en todo o mundo. O IMS edita Annals of Mathematical Statistics, a publicación estatística máis influínte do mundo.
Ricardo Cao Abad é profesor de Estatística e Investigación de Operacións na Facultade de Informática da Universidade da Coruña desde 1991. Coordinador do Grupo de investigación Modelización, Optimización e Inferencia Estatística, as súas liñas de investigación abranguen a Estatística non paramétrica, o bootstrap, a análise de supervivencia, a análise de datos funcionais, a análise estatística de datos de gran volume (big data), a análise de datos dependentes, a verosimilitude empírica e a modelización estatística en ciencias dos materiais, en risco de crédito, en epidemioloxía, en xenómica, e neurociencia e en malherboloxía.
Na actualidade é Editor Asociado das revistas TEST e Computational Statistics. Anteriormente foi Editor Xefe das revistas TEST, Computational Statistics e Journal of Nonparametric Statistics. A súa docencia céntrase no Máster Interuniversitario de Técnicas Estatísticas, coorganizado polas tres universidades galegas, así como no Máster Universitario de Bioinformática para as Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña e no Grao de Ciencia e Enxeñaría de Datos da Universidade da Coruña.
Desde marzo de 2020 é o presidente do comité de expertos da Acción Matemática contra o Coronavirus creado polo Comité Español de Matemáticas (CEMat).
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC