A Coruña, 12 de xullo de 2022.- A Sociedad de Estadística e Investigación Operativa (SEIO) vén de facer público a concesión da Medalla deste ano ao profesor da Universidade da Coruña Ricardo Cao.
Esta Medalla recoñece o labor dos socios da SEIO que contribuísen de forma relevante e continuada ao avance e á proxección da Estatística e a Investigación Operativa, no ámbito nacional e internacional, como disciplinas científicas.
O xurado do premio concedeulle a Medalla a Ricardo Cao “pola súa contribución sobresaliente en múltiples áreas da estatística como os métodos non paramétricos, os métodos de remostreo, a verosimilitude empírica, a análise de supervivencia, a análise de datos funcionais e a análise estatística de grandes conxuntos de datos e as súas aplicacións á xenómica, neurociencias, epidemioloxía, oncoloxía, etc., cun destacado recoñecemento internacional”.
Ademais recoñecen “o seu liderado na coordinación de grupos de investigación así como do comité de expertos de Acción Matemática contra o Coronavirus do CEMAT, do que foi nomeado presidente, e a súa ampla experiencia na transferencia de coñecemento a outros ámbitos, como as ciencias da saúde ou a enxeñaría naval”. A SEIO pon en valor o fomento por parte de Ricardo Cao dun amplo equipo de colaboradores internacionais, “sendo membro moi activo de varias sociedades científicas internacionais”. Foi presidente de ECAS (European Courses in Advanced Statistics) e é membro electo do prestixioso Institute of Mathematical Statistics (IMS), sendo así recoñecida internacionalmente a súa contribución ao desenvolvemento da estatística. É un membro con gran actividade na SEIO, foi editor xefe de TEST e actualmente é editor asociado, e foi tamén editor xefe e editor asociado doutras revistas internacionais de recoñecido prestixio.
A SEIO concede dúas medallas, sendo distinguido ademais de Ricardo Cao, Ángel Corberán Salvador. As Medallas, xunto cos Premios SEIO-Fundación BBVA entregaranse nunha cerimonia solemne que terá lugar na sede da Fundación BBVA en Madrid, no Palacio do Marqués de Salamanca.
Ricardo Cao Abad é profesor de Estatística e Investigación de Operacións na Facultade de Informática da Universidade da Coruña desde 1991. Coordinador do Grupo de investigación Modelización, Optimización e Inferencia Estatística, asociado ao Centro de Investigación en TIC (CITIC), a súa docencia céntrase no Máster Interuniversitario de Técnicas Estatísticas, coorganizado polas tres universidades galegas, así como no Máster Universitario de Bioinformática para as Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña e no Grao de Ciencia e Enxeñaría de Datos da Universidade da Coruña. Desde marzo de 2020 é o presidente do comité de expertos da Acción Matemática contra o Coronavirus creado polo Comité Español de Matemáticas (CEMAT).
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC