O profesor da UDC Víctor Arufe, Premio SIMO EDUCACIÓN á Mellor Experiencia Didáctica da Sustentabilidade

Nota de prensa

26/11/24 10:17

  • Institucional

A Coruña, 26 de novembro de 2024.- O profesor Víctor Arufe, docente da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, recibiu o pasado mércores o Premio SIMO EDUCACIÓN á Mellor Experiencia Docente de Sustentabilidade, un galardón que recoñece o éxito do seu innovador proxecto docente denominado A Bicicleta Viaxeira.

A través desta iniciativa, consistente nunha experiencia de Aprendizaxe Servizo,  o alumnado do Grao en Educación Infantil da UDC acode aos centros educativos de Educación Infantil para impartir sesións de psicomotricidade con bicicletas de madeira sen pedais para nenos de 2 a 6 anos.

Este proxecto foi seleccionado por un xurado profesional vinculado ao ámbito educativo entre máis de 250 experiencias presentadas por docentes de toda España e doutros países. Os Premios SIMO Educación 2024, os cales foron entregados dentro da Feira SIMO Educación, o Salón Internacional de Tecnoloxía e Innovación Educativa, celebrado a semana pasada en IFEMA, Madrid, recoñeceron un total de 14 iniciativas.

Con este galardón son xa un total de 3 premios SIMO recibidos Arufe, os anteriores obtidos en 2021 coa experiencia didáctica de gamificación de La Casa de Papel, e en 2019 coa experiencia didáctica FORTNITE EF.

A organización do evento tamén convidou ao profesor a impartir unha conferencia plenaria, dando a coñecer o seu proxecto docente ao público asistente.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC