A Coruña, 15 de outubro de 2018.- O profesor da Facultade de Filoloxía Arsenio Ferraces tomou posesión como Visiting Professor da Universidade de Messina, nun acto que tivo lugar na Reitoría da universidade italiana. Estará integrado no Departamento de Ciencias da Antigüidade e durante os próximos meses impartirá cursos de doutoramento e de grao, en inglés e en italiano, a estudantes de varias especialidades.
O profesor Ferraces, que xa fora Member e Visitor no Institut for Advanced Study, de Princeton, foi seleccionado en concurso público internacional para atraer á Universidade de Messina vinte profesores de institucións de fóra de Italia durante o ano académico 2018-2019. Entre eles figuran investigadores da Clinica Mayo, de Rochester, do Sloan Kettering Cancer Center, de Nova York, da Universidade de Massachussets, da Universidade de Melbourne ou da École des Hautes Études en Sciences Sociales, de París. O profesor Ferraces foi o único elexido que pertenece ao ámbito humanístico.
O seu campo de estudio é a medicina da Antigüidade e da Idade Media. Ademais de participar regularmente en reunións internacionais da especialidade, ten publicados arredor dun centenar de artigos e varios libros sobre textos latinos de medicina. En colaboración coa Editorial Andavira, de Santiago de Compostela, vén de crear unha colección específica para rescatar e traducir obras de medicina antiga e medieval. A súa investigación céntrase actualmente en catro liñas: a deontoloxía médica na Antigüidade, o pulso e a uroscopia, as prácticas curativas tradicionais e a historia do medicamento. Durante a súa estadía en Messina, ten tamén previsto impartir un seminario de doutoramento na Universidade de Catania.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC